CRTVG

Buscar

O rei anima a inspirarse nos valores do Camiño xacobeo para afrontar a crise

Publicado o 03/06/2021 13:27

• O monarca inaugura o I Congreso Mundial Xacobeo en Santiago

• Filipe VI volverá a Compostela para facer a ofrenda ao Apóstolo

Aplausos ao rei de composteláns e turistas

O rei Felipe VI instou a "inspirarse" nos valores do Camiño xacobeo para afrontar as actuais "circunstancias adversas" ante a crise da covid-19 porque "requiren reforzar os afectos entre persoas, comunidades e nacións".

Durante a inauguración do I Congreso Mundial Xacobeo, no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, o monarca salientou que "o peregrino pode camiñar só, pero sentíndose parte dunha comunidade que o axuda e alenta" e agradeceu, no noso idioma, "o esforzo e boa resposta do  pobo galego" ante a pandemia.

Segundo dixo, estes tempos difíciles "requiren inspirarse nos Camiños que uniron Galicia e toda España", porque "malia as fronteiras, os conflitos e as ideoloxías opostas, existe un substrato común" que explica a atracción do Camiño.

No acto tamén participou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que coincidiu co rei en que os valores do Camiño son "os mesmos que deben unir todos os españois".

O rei volverá a Galicia o 25 de xullo

Felipe VI anunciou que volverá a Galicia o vindeiro 25 de xullo para realizar a tradicional ofrenda ao Apóstolo. Nos últimos anos, designara un delegado rexio no seu lugar. Asegurou que o fai cos mellores desexos de éxito para este evento e "coa esperanza de vivir proximamente aquí, en Santiago de Compostela, a celebración da festividade".

Tras inaugurar o congreso, o rei visitou a Biblioteca de América, onde asinou no libro de honra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta é a primeira vez que visita a institución desde que é monarca.

Noticias web

03/06/2021