CRTVG

Buscar

O Real Madrid resiste en Anfield e accede a semifinais (0-0)

Publicado o 14/04/2021 22:58
O Real Madrid resiste en Anfield e accede a semifinais (0-0)

O Real Madrid fixo bo en Anfield o resultado da ida dos cuartos de final da liga de Campións, cun empate sen goles ante o Liverpool tras o 3-1 do Alfredo dei Stéfano, que lle dá acceso ás semifinais nas que se medirá ao Chelsea.

Especialista nos cuartos de final, o Real Madrid superou por novena vez consecutiva a rolda, amparado na figura do seu porteiro Thibaut Courtois nos momentos nos que o Liverpool apertou no primeiro acto e defendendo con firmeza no segundo para evitar apuros.

Dúas paradas de Courtois no inicio do partido a Mohamed Salah e James Milner, frearon o intento de remontada do Liverpool coa súa saída en tromba. O equipo de Zinedine Zidane foise asentando e o poste evitou a sentenza de Karim Benzema.

No segundo acto resistiu cun gran traballo defensivo e ao contragolpe Vinicius e Benzema puideron dar o triunfo nun partido que acabou sen goles. O Real Madrid regresa ás semifinais de Champions tres anos despois.