CRTVG

Buscar

O rastrexo das apostas permitiulle á policía dar co dono da Primitiva millonaria

Publicado o 20/10/2021 15:23

O presunto propietario da Primitiva premiada con 4,7 millóns de euros, xa falecido, xogaba sempre os mesmos números, segundo puido comprobar a policía. Uns números que aparecen entre as apostas realizadas, canda a automática que resultou gañadora nun centro comercial de Alfonso Molina o 26 de xuño de 2012 e comprobada na administración de San Agustín.

Un auto da maxistrada do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña conclúe agora que o loteiro, ao que acusan de quedar co boleto, puido cometer un delito de apropiación indebida. Porén el segue defendendo a súa inocencia.

Di que, de verse no caso, volvería actuar igual, e cre que houbo unha gran confusión. Amais de a el, no auto a xuíza tamén sinala como investigado o seu irmán, que é delegado provincial de Loterías, a quen, supostamente, avisou cando atopou o boleto.

Amais deles, figuran como investigados catro altos cargos máis de Loterías do Estado. Agora, a maxistrada insta as partes, incluída a Fiscalía, para que soliciten a apertura do xuízo, o sobresemento do caso ou a práctica de novas dilixencias.

Noticias web

20/10/2021