CRTVG

Buscar

O rapeiro Pablo Hasél, detido no interior do reitorado da Universidade de Lleida

Publicado o 16/02/2021 08:56

Decenas de axentes dos Mossos d'Esquadra entraron esta mañá no reitorado da Universidade de Lleida para deter o rapeiro Pablo Hasél, condenado a nove meses de prisión por delitos de enaltecemento do terrorismo e inxurias á Coroa.

Un forte dispositivo policial, formado por decenas de axentes dos Mossos e unha vintena de furgonetas da Brigada Móbil, despregouse desde as 6:30 horas deste martes nas inmediacións do reitorado para proceder á detención de Hasél, cuxo prazo para ingresar voluntariamente en prisión finalizou o pasado venres. 

Hasel encerrouse este luns no edificio do reitorado da Universidade de Lleida "para poñerllo á Policía o máis difícil posible" ante a súa inminente detención e co obxectivo de visibilizar o que considera como un "gravísimo ataque" contra as liberdades. A policía, con todo, puido sortear con facilidade as barricadas que situaran nas entradas do edificio o medio centenar de activistas encerrados xunto a  Hasél no reitorado, que foron arrecunchados polos axentes para proceder á detención do cantante.

Os activistas refuxiáronse na terceira planta do edificio mentres lanzaban algúns obxectos aos axentes, aínda que finalmente foron acurralados polos policías, que procederon á súa identificación. No interior do edificio atopábanse tamén numerosos xornalistas e reporteiros gráficos que pasaron a noite xunto aos activistas e o propio Pablo Hasél. 

Este luns, a Audiencia Nacional volveu rexeitar a suspensión da execución da condena de nove meses de cárcere a Hasél, ao lembrar que en 2017 foi condenado por un delito de resistencia ou desobediencia á autoridade e en 2018 por violación de local.

As reaccións políticas á detención non tardaron. Alberto Garzón ve "un síntoma de déficits democráticos graves. E os que os negan -di o ministro de Consumo- fanlle fraco favor á democracia española". Pablo Iglesias enlazou un chío similar de Podemos, que di que os que falan de plena normalidade democrática "deberían sentir vergoña".