CRTVG

Buscar

O Rácing supera o Marino na Malata

Publicado o 17/04/2021 21:41

O Rácing de Ferrol recuperou a súa cara boa, a da Malata, ante o Marino de Luanco. Cristóbal Parralo volveu facer cambios no equipo titular, sentou por primeira vez a Elsinho e tamén a Pep Caballé. Saiulle ben.
O Rácing ofreceu unha primeira parte brillante, cun fútbol que aplaudíu a bancada local, mil abonados que gozaron coas combinacións, detalles técnicos, e coa morea de ocasións creadas.
Adiantouse o equipo verde no minuto 18 cunha falta que botou Dani Nieto, rematou Javi Rey e o rexeite aproveitouno Quique Fornos para marcar o seu primeiro gol coa camiseta do Rácing, na terceira temporada en Ferrol do central das Pontes.
Gol importante que veu seguido de grandes oportunidades para pechar o partido.
Máquina engraxada na que salientou a actuación do mediocentro galego Javi Rey.

Porén, o segundo gol fíxose de rogar e a acción foi moi protestada polo Marino.
Reclamaron fóra de banda no control de Moser, pero o árbitros considerou que o balón non chega traspasar por completo a liña.
A xogada continuou e finalizou co centro de Peñaloza e o remate de Dani Nieto. Pedían falta os defensores.
Foi o 2 a 0 no minuto 36 para sentenzar o partido.

Na segunda parte o Rácing mantivo o bo nivel dez minutos.
Chegou reclamar penalti por unha caída de joselu na área.
E cando o fútbol tornaba a gris, o Marino queodu en inferioridade por esta entrada de Nacho Matador que o árbitro sancionou con cartón vermello directo no minuto 75.
O equipo asturiano non lle perdeu a cara ao partido, pero quedou sen opcións.
O Racing asinou así a que foi a súa quinta vitoria seguida na casa.

Noticias web

17/04/2021