O público regresa á Liga e á ACB cun 30% de ocupación nas zonas con baixa incidencia como Galicia
• Os partidos dos equipos galegos como local (Celta, Lugo e Obradoiro) poderán ter público "pola boa situación da pandemia en Galicia"
• Serán, como máximo, 5.000 espectadores
O público volverá á Liga de Fútbol Profesional e á ACB de baloncesto naqueles territorios con menos incidencia da covid-19, isto é, naquelas zonas na fase 1 da pandemia, despois de 14 meses. Así o avanzaron en conferencia de prensa no Palacio da Moncloa a ministra de Sanidade, Carolina Darias, e o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, que considera unha "boa noticia" que o público poida regresar aos estadios cando apenas quedan dúas xornadas para que termine a liga de Primeira División e tamén nos últimos partidos da competición de baloncesto, incluídos os 'playoff'.
Os partidos dos equipos galegos como local (Celta, Lugo e Obradoiro) poderán ter público "pola boa situación da pandemia en Galicia" pic.twitter.com/3xjZ21eIrD
— G24 (@G24Noticias) May 12, 2021
O esperado regreso do público aos estadios 14 meses despois farase baixo "criterios baseados na prudencia, bo sentido e dos expertos sanitarios", en palabras de Uribes. De forma que será baixo os seguintes parámetros, detallou Darias: a volta só será posible naquelas comunidades no nivel 1 de alerta no chamado semáforo de Sanidade -e que entre outros requisitos, esixe que o territorio estea cunha taxa de incidencia inferior a 50-, e completando o 30 % de ocupación cun tope de 5.000 de persoas de público local para evitar desprazamentos.
Ademais, haberá que garantir a distancia de 1,5 metros "en todos os sentidos"; establecerase unha "sectorialización", de maneira que as entradas e saídas se fagan de maneira graduada e non se poderá beber nin comer nin fumar, só consumir auga, que "será repartida polos distintos responsables dos estadios". Por último, aos afeccionados esixiráselles o uso dunha máscara FFP2 "para establecer a máxima seguridade das persoas que alí asistan".
De momento, teñen asegurada esta fin de semana a presenza de público o Valencia-Eibar e o Vilarreal-Sevilla en primeira división; e o Castellón-Ponferradina e Lugo-Mirandés en segunda; "ás portas" están o Elxe-Athletic Club de Bilbao; o Levante-Cádiz e o Celta-Betis, asegurou o ministro de Cultura.
Porque podería darse que algunhas comunidades melloren a súa situación e cumpran as condicións en días previos a algún dos partidos, así que as decisións iranse tomando "en tempo real". "Isto é partido a partido", dixo Uribes.
A volta aos estadios será un proceso "progresivo", coa idea de que en xuño poida xogarse na Cartuxa de Sevilla a Selección Española coa compañía de 16.000 afeccionados, un 25 % da ocupación e en agosto poida arrincar unha nova liga "nas condicións máis óptimas".
O ministro asegurou que "todos os clubs estaban de acordo e os que non van poder, asúmeno e aceptan con normalidade". "O que entendín de forma clara é que o que querían é que isto empezase", concluíu Uribes. Aínda que non todos recibiron ben o anuncio: o portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, afirmou que, "unha vez finalizado o estado de alarma", o Goberno "non ten nada que decidir en canto á presenza de público nos estadios" porque "é unha competencia das comunidades", resolveu no seu Twitter.