CRTVG

Buscar

O PSOE volve chamar á "responsabilidade" de PP e Ciudadanos

Publicado o 26/12/2019 10:04

A investidura de Pedro Sánchez segue dependendo de que o PSOE chegue a un acordo con Esquerra que garanta a abstención dos independentistas cataláns. Pero desde as filas socialistas volven meter presión tamén aos partidos da oposición que non están negociando con eles. Este xoves, a ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, fixo un chamamento á "responsabilidade" de todos os partidos para desbloquear a situación, en alusión directa ao PP, e tamén a Ciudadanos.

"Non hai ningunha explicación política" aos tempos da Avogacía

Margarita Robles tamén asegurou que "non hai ningunha explicación política" ao feito de que aínda non se coñeza o informe da Avogacía Xeral do Estado sobre Oriol Junqueras.

En declaracións á Cadena SER, a ministra lembrou que a Avogacía ten de prazo ata o 2 de xaneiro para presentar o seu informe sobre a situación do líder de ERC e subliñou que "os procedementos xudiciais non teñen nada que ver cos procedemento políticos".

Robles remachou que, en calquera caso, a responsabilidade de que aínda non haxa Goberno "non só é do Goberno, é tamén de toda a oposición" e dos "partidos da dereita, que din que están preocupados por España pero só lles preocupa o seu interese persoal e criticar a Pedro Sánchez".

"Non é aceptable", sinalou Robles, para quen, en democracia "as críticas son sas, pero o que non é san é o catastrofismo e primar os intereses partidistas aos intereses xerais".

Por iso, fixo un "chamamento á responsabilidade de todas as forzas políticas", en especial "dos partidos de dereitas, que son os mesmos que nos levaron a unhas segundas eleccións".

Ao preguntarlle por se cre que ERC será un socio fiable de Goberno, Robles asegurou que se fía "de quen ten un compromiso pensando en todos os cidadáns" e asegurou que o presidente da Generalitat, Quim Torra, "se equivoca ao defender só os que lle votaron".

Con todo, asegurou que "ERC ten unha responsabilidade cos intereses de España e de Cataluña" e que ela persoalmente ten "a absoluta tranquilidade" de saber que o comité negociador "vai negociar pensando só no interese de España". 

 

Noticias web

26/12/2019