CRTVG

Buscar

O PSOE únese aos seus socios parlamentarios para desclasificar datos do 23-F

Publicado o 15/06/2021 21:11
O PSOE únese aos seus socios parlamentarios para desclasificar datos do 23-F

EFE

EFE

O PSOE uniuse ás formacións nacionalistas e independentistas do Congreso para apoiar unha iniciativa que insta a promover os cambios necesarios na Lei de segredos oficiais co fin de desclasificar algúns documentos vinculados ao intento de golpe de estado do 23-F, segundo marque a nova normativa.

O Pleno do Congreso debateu este martes unha proposición non de lei de ERC que fora pactada con JxCAT, PDeCAT, a CUP, EH Bildu e BNG para instar o Goberno a que desclasificara e dese a coñecer todos os documentos escritos, sonoros ou de vídeo do 23 F e que finalmente foi emendada polo PSOE e Unidas Podemos.

Nesa emenda transaccional ínstase a promover os cambios lexislativos na Lei de segredos oficiais para desclasificar e dar a coñecer os documentos que permitan coñecer con exactitude os feitos vinculados ao intento de golpe de estado do 23-F, de acordo aos criterios establecidos na nova lexislación. A iniciativa foi apoiada polo PNV e Compromís e os partidos nacionalistas que a apoiaron coincidiron na necesidade de que a sociedade coñeza non só eses documentos clasificados senón tamén os que afectan actualmente o rei emérito Xoán Carlos I.

"A verdade faranos libres", sinalou o deputado de Compromís, Joan Baldoví, á vez que o portavoz do PNV, Aitor Esteban, lamentou que a proposición de lei de reforma sobre segredos oficiais que entrou no Congreso en setembro de 2020 continúe sen ser tramitada e prorrogándose os prazos de presentación de emendas.

O texto da proposición non de lei de ERC sinala que pasados 40 anos xa non hai xustificación algunha para non coñecer con detalle cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado Español e que achegue "luz e taquígrafos" aos verdadeiros acontecementos que alumaron o intento de golpe de estado do 23-F.

 

Noticias web

15/06/2021