CRTVG

Buscar

O PSOE inicia as negociacións con ERC tras enfrontarse cos independentistas pola 'república dixital'

Publicado o 28/11/2019 09:50

Tres negociadores do PSOE e tres de Esquerra Republicana inician formalmente esta tarde as negociacións para a investidura de Sánchez. 

Ambas formacións aseguran que acoden con esperanza de lograr un achegamento, malia que onte marcaron as súas distancias na Deputación Permamente do Congreso, onde o PSOE sacou adiante o decreto contra a república dixital grazas ao apoio de PP e Ciudadanos. 

"Durmindo co seu iminigo, capítulo enésimo", dicía a deputada do PP por Ourense, Ana Belén Vázquez. O PP apoiou o decreto do Goberno contra a denominada 'república dixital catalá', pero entre reproches ao PSOE por negociar a investidura con Esquerra Republicana. Ao igual que os populares, votou a favor Ciudadanos, sen aforrrar advertencias aos socialistas: "Que abandonen o camiño emprendido por Sánchez", dixo Miguel Gutiérrez.

Abstívose o potencial socio para o futuro goberno, Unidas Podemos, con propostas alternativas menos recentralizadoras -dixeron-, que a ministra Calviño se amosou disposta a estudar; mentres Esquerra arremetía contra o executivo en funcións por "vulnerar os dereitos dixitais dos cataláns".

A escenificación das discrepancias na Deputación Permanente do Parlamento producíase só 24 horas antes da reunión que manterán esta tarde PSOE e Esquerra para negociar a investidura. Con declaracións conciliadoras por parte do PSOE. Pero tamén con directrices que hoxe marcaran ese inicio de diálogo: "O dereito de autodeterminación non existe e non está na nosa legalidade, como non o está en ningunha legalidade democrática", remarcaba Carmen Calvo, a Vicepresidenta do Goberno en funcións.

Si se amosan abertos no PSOE a un posterior diálogo entre gobernos, moi criticado desde o Partido Popular.

"Somos un país tendente á hipérbole e ao catastrofismo, pero neste caso os calificativos de máxima gravidade están xustificados", argumentaba polo PP Cayetana Álvarez de Toledo.

Respóndenlle no PSOE que as reunións bilaterais entre Goberno central e autonómico están previstas no ordenamento xurídico e non son ningunha novidade.

E mentres, avanza a configuración da coalición, coa posibilidade, segundo algunhas fontes, de que Alberto Garzón asuma unha cuarta carteira para Unidas Podemos, para compensar as competencias dos outros ministerios asignados, que serían unha parte segregada de anteriores carteiras. Os inscritos de Podemos avalaron con case un 97 por cento dos votos o pacto co PSOE.

Noticias web

28/11/2019