O PSOE inicia a consulta ás bases tras apostar polo diálogo sobre Cataluña
Comeza hoxe a consulta ás bases do PSOE sobre o pacto con Unidas Podemos. E nos próximos días, a resposta da militancia dos partidos de esquerdas marcará os compases das negociacións de goberno. A clave está na militancia de Esquerra, que vota o próximo luns. PSOE e Unidas Podemos ábrense á posibilidade dunha mesa de negociación, mentres Torra reprocha que Esquerra rebaixe as súas esixencias.
Na pregunta de Esquerra á militancia, Quin Torra bota en falta a esixencia do relator: "Que garantías temos de que esa mesa pode avanzar?, pregúntase o presidente da Genaralitat. E, o mesmo que a CUP, critica que Esquerra non inclúa na pregunta o requisito do referendo ou a liberación dos condenados polo procés, que segundo Mireia Vehí deberían ser os elementos mínimos dos que partise a negociación dos independentistas.
A pregunta de ERC á militancia busca o recoñemento dun conflito político, pero segundo afirma Joan Tardá non se entendería que Esquerra non apoiase a investidura de Sánchez.
"Eu desexo que a esquerda española e o republicanismo catalán sexan capaces de facer de lebre nesta carreira para construír unha solución en beneficio de todos os pobos do actual Estado español", dixo o ex-voceiro da formación independentista no Congreso dos Deputados.
Desde o PNV defenden tamén a normalidade do diálogo. Aitor Esteban considera que "é un reto que xa non admite máis atrasos e que se o afrontamos desde a normalidade e a serenidade pode obter un resultdo absolutamente beneficioso para todos".
Onte, na súa primeira aparición tras o acordo, Iglesias abríase tamén á creación desa mesa de diálogo con ERC.
"Creo que o diálogo é imprescindible e creo que imos ter un goberno que asuma o diálogo como eixe fundamental para afrontar o problema da plurinacionalidade en España e o problema de Cataluña", afirmou o líder de Unidas Podemos.
A posición favorable ao diálogo é vista pola vicepresidenta en funcións como unha oportunidade "de unir todas as forzas progresistas deste país, que é o que as urnas deciden". Carmen Calvo considera que "a esquerda está en condicións de construír un goberno de progreso". Goberno que desde hoxe se somete á aprobación da propia miltancia do PSOE.