CRTVG

Buscar

O PSOE impugna a candidatura do PP polo empadroamento de Toni Cantó

Publicado o 02/04/2021 17:41
O PSOE impugna a candidatura do PP polo empadroamento de Toni Cantó

O PSOE de Madrid impugnou a candidatura do PP ás eleccións do 4 de maio por incluír a Toni Cantó. Segundo denuncia nun escrito presentado ante a Xunta Electoral Provincial, incumpre os prazos de empadroamento na Comunidade para poder formar parte da lista.

A presidenta rexional, Isabel Díaz Ayuso, tras convocar as eleccións autonómicas para o 4 de maio, anunciou o pasado 26 de marzo a incorporación do exvoceiro de Ciudadanos nas Cortes Valencianas. Ocupa o quinto posto da lista en calidade de independente.

A Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) recolle no seu artigo 39.1 que “para cada elección o Censo Electoral vixente será o pechado o día primeiro do mes anterior ao da data da convocatoria”.

As eleccións convocáronse o 11 de marzo e o propio Toni Cantó, que estaba empadroado en Valencia, declarou o 25 de marzo nunha entrevista en Telecinco que xa “estaba empadroado en Madrid dende hai uns días” co obxectivo de buscar traballo na capital.

O seu empadroamento sería, polo tanto, posterior ao peche do Censo Electoral, que segundo a lei estatal pechouse o 1 de febreiro.

Porta aberta na lei da comunidade

Pola súa banda, a Lei Electoral da Comunidade de Madrid recolle no seu artigo 2.2 que para poder exercitar o dereito ao voto é “indispensable a inscrición no Censo Electoral vixente”.

Porén, a mesma lei autonómica deixa aberta unha porta ao recoller no seu artigo 4.2 que “os que aspiren a ser proclamados candidatos e non figuren incluídos nas listas do Censo Electoral vixente, referido ao territorio da Comunidade de Madrid, poderán selo sempre que coa solicitude acrediten de xeito fidedigno que reúnen todas as condicións”.

Fontes do PP de Madrid confirmaron que están elaborando un escrito de alegacións para presentar ante a Xunta Electoral Provincial, en resposta á impugnación do PSOE-M.