Sánchez vence e escoita a militancia: "Con Rivera, non"
• Carmen Calvo: "O PSOE intentará un goberno en solitario"
• Maioría absoluta do PSOE no Senado
• Vitoria en Galicia tras catro décadas de hexemonía popular
Despois de once anos sen gañar unhas xerais, o PSOE recupera a hexemonía da esquerda da man de Pedro Sánchez. Logra o 28% dos sufraxios e 123 escanos, que é exactamente o numero de deputados que suman PP e Ciudadanos. Unha diferenza moi folgada que lle permitirá formar goberno.
Narbona, Ábalos, Lastra e a vicepresidenta Carmen Calvo -cun lema feminista na camiseta que non pasou desapercibido- abriron paso en Ferraz ao presidente do Goberno. Acompañado da súa muller, Begoña Gómez, Sánchez prometeu avanzar en xustiza social, convivencia, rexeneración e limpeza e practicamente desde o comezo escoitou un berro unánime da militancia pedíndonlle que non pacte con Ciudadanos.
Sánchez eloxiu a madurez democrática duna sociedade que participou masivamente nas eleccións para, dixo, defender dereitos e liberdades: "Tamén enviamos unha mensaxe clara, nítida, rotunda ao conxunto de españois e españolas, a Europa e ao mundo de que se pode gañar á reacción, ao autoritarismo e á involución con propostas progresistas".
O secretario xeral dos socialistas prometeu gobernar para todos e desde a súa posición progresista, dixo, tenderá a man a todas as forzas políticas.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Xa escoitei ("Con Rivera, non"), pero mirade unha cousa: nós non imos facer como eles que poñen cordóns sanitarios ao PSOE, nós non imos poñer cordóns sanitarios, a única condición que imos poñer é respectar a Constitución española e avanzar cara á xustiza social, cara á convivencia e cara á limpeza política".
Reivindicou o presente e o futuro dun partido con 140 anos de historia, e dixo que fomarará un goberno proeuropeo centrado en fortalecer e non debilitar Europa.
"Fixemos posible que pasase. Imos construír esa España que queremos. Grazas de corazón", rematou.