CRTVG

Buscar

O PSOE exhibe unidade con Sánchez na apertura do seu 40º congreso federal

Publicado o 15/10/2021 20:52

O Partido Socialista celebra desde hoxe en Valencia o seu 40 congreso federal. Será un conclave marcado pola unidade do partido e o liderado indiscutible de Pedro Sánchez, moi diferente da división interna escenificada hai 4 anos.

Será un escenario totalmente distinto do de 2017, cando Pedro Sánchez recuperou o mando do PSOE logo dunha cruenta batalla interna. Hoxe, ninguén discute o seu liderado, revalidado hai un mes sen oposición e avalado por dous anos na Moncloa. O Congreso de Valencia está chamado a pechar a reconciliación na familia socialista.Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE, sostén que "nunca estivemos en guerra os socialistas. Houbo debates ás veces intensos, arduos, vivimos épocas convulsas. Este vai ser un congreso de unidade".

No ideolóxico, o propio Sánchez avanzaba que o gran obxectivo é renovar a mensaxe feminista, ecoloxista e de defensa dos dereitos laborais dunha socialdemocrácia á alza no continente: "Estamos vendo unha onda vermella, unha marea socialdemócrata en toda Europea. Iso quere dicir moitas cousas: a cidadanía cando vota quere que a solución a esta cise sexa radicalmente distinta da da crise financeira".

As primeiras horas do Congreso tiveron como protagonistas a dúas mulleres sen carné do PSOE: Anne Hidalgo, alcaldesa de París e candidata socialista á presidencia e Francia, que admitía que estaba alí "para aprender, tomar ánimo", e Nadia Calviño, que aparcaba por unhas horas a retórica económica para recoller un premio: "Só teño unha pena, que non vivan os meus avós para ver á súa neta de vicepresidenta primeira dun goberno socialista. Vai por vós".

A presenza de Felipe González será o outro sinal de reconciliciación dun Congreso no que tamén se vai debater desde a abolición da prostitución ata o modelo de estado ou o papel da monarquía.

Noticias web

15/10/2021