CRTVG

Buscar

O PSOE emenda a súa lei antifraude para manter a exención fiscal ás herdanzas en vida durante cinco anos

Publicado o 15/06/2021 19:32
EP

 O PSOE presentou unha emenda ao seu proxecto de Lei antifraude que se atopa nestes momentos en tramitación na Cámara alta. Con ela, seguirase tributando no IRPF como ata agora sempre que as vendas sexan cinco anos despois de recibir a herdanza en vida. Se se quere vender antes dos cinco anos, o valor do ben que se venda será o que tiña cando o adquiriu quen o trasmistiu polo que a tributación na renda será maior.

A emenda, presentada polo senador galego Xoaquín Fernández Leiceaga e que deberá ser agora debatida na Comisión de Facenda do Senado, propón cambios no artigo 36, relacionado coas transmisións a título lucrativo e cuxa formulación levantara as críticas da Xunta, que consideraba as modificacións como unha intromisión na Lei de Dereito Civil de Galicia.

En concreto, a modificación exposta polo Grupo Socialista no Senado expón manter a exención na tributación do IRPF durante o cinco anos posteriores á celebración do pacto sucesorio ou do falecemento do titular dos bens a deixar en herdanza. En todo caso, o texto proposto polo senador galego incide en que este cambio "se introduce cun réxime transitorio" que implica que "só será aplicable ás transmisións de bens efectuadas con posterioridade" á entrada en vigor da lei "que fosen adquiridos de forma lucrativa por causa de morte en virtude de contratos ou pactos sucesorios con efectos de presente".

Nun comunicado, Fernández Leiceaga incide en que a emenda persegue manter "un equilibrio co dereito civil galego" a través de "unha solución máis acorde e máis respectuosa" co dereito civil galego "pero que ao mesmo tempo evita os escenarios de risco de fraude detectados polos inspectores de Facenda".

A continuación, e após facer fincapé en que a emenda "elimina calquera dúbida" sobre a retroactividade da súa aplicación, o senador e presidente do PSdeG afea a PP e BNG que permanezan "ancorados nunha posición inútil que elude dar resposta aos problemas".

Tras coñecerse a presentación da emenda, o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, manifestou que a presentación desta emenda por parte dos socialistas supón "recoñecer" que Xunta e Partido Popular tiñan "razón" nas súas críticas aos cambios na tributación das herdanzas en vida. De feito, os populares levan ao pleno da próxima semana unha iniciativa centrada neste asunto e coa que o PPdeG solicitará, grazas á súa maioría absoluta, o apoio da Cámara para pedir ao Goberno que modifique os termos do seu proxecto de lei.

Noticias web

15/06/2021