CRTVG

Buscar

O PSOE elixe a Miquel Iceta para presidir o Senado

Publicado o 08/05/2019 20:41

O primeiro secretario do PSC deixa Cataluña para presidir o Senado. Miquel Iceta confirmoulle esta tarde á súa executiva que acepta a proposta de Pedro Sánchez. Iceta non é senador. O seu compañeiro José Montilla renunciará ao escano que ocupa por designación autonómica para cederlle o posto. O PSOE válese da maioría absoluta que terá na cámara alta para impoñer o seu candidato. No Congreso, os números obrigan a negociar e Podemos non renuncia a pedir a presidencia. Irene Montero, de Unidas Podemos di que "estamos falando da composición da mesa. Obviamente falamos de todas as posicions da mesa, das catro vicepresidencias, das catro secretarías e da presidencia. Alguén vai ter que ocupar a presidencia do Congreso"

Pero os socialistas defenden que o posto sexa para o partido maioritario, aínda que José Luis Ábalos descartou as especulacións que sitúan alí a vicepresidenta Carmen Calvo. A negociadora socialista quere que reflicta as dimensións da súa vitoria electoral. Adriana Lastra, do PSOE, defende que "a vontade do Partido Socialista é que sexa representativa do Congreso que saíu das eleccións do 28 de abril en que o meu partido foi o máis votado dobrando o seguinte".

Sobre o formato do goberno, ministros e baróns socialistas volveron defender o executivo en solitario, fronte á coalición que prefire Podemos. Polo seu apoio, os de Iglesias tamén pedirán que se obrigue a banca a devolver os cartos do rescate.