CRTVG

Buscar

O PSOE e ERC inician as negociacións para a investidura este xoves

Publicado o 26/11/2019 21:07

Esquerra Republicana afronta a negociación co PSOE en dúas fases. A primeira, a máis inmediata, que se fixe un calendario de reunións para abordar o conflito político en Cataluña. Se o conseguen, absteranse na investidura e facilitarán a gobernabilidade. Deixan para despois a mesa de negociación entre o Goberno central e a Generalitat con asuntos máis concretos.

Este é o plan dos republicanos, primeiro diálogo entre partidos e despois entre gobernos. De momento, insisten, están no non a Sánchez, ao que consideran un líder derrotado.

Gabriel Rufián, ERC:  "Porque Sánchez se dea un abrazo con Iglesias ou co Papa de Roma non deixa de ser o que era hai un mes. É un Pedro Sánchez derrotado, sobre todo en Cataluña. E cada vez que está débil e derrotado podemos chegar a sentalo nunha mesa de diálogo"

Desde o PSOE din que será a Consitución a que marcará as liñas vermellas da negociación. E insisten en que non buscan o apoio de Esquerra, senón que desbloquee o Goberno.

Fernando Grande-Marlaska, PSOE: "Se todas as peticións formuladas teñen un encaixe constitucional, evidentemente será factible". José Luis Ábalos, PSOE: "Non estamos falando dun voto favorable nin un apoio á acción do Goberno. Simplemente que permita desbloquear"

A primera xuntanza ente os equipos negociadores do PSOE e de Esquerra Republicana será o xoves no Congreso.

PP

O Partido Popular pide a comparecencia de Sánchez para que dea explicacions sobre o que está negociando o PSOE con Esquerra e sobre a sentenza dos eres. Pregúntanlle que prezo está disposto a pagar para seguir na Moncloa e se vai aceptar unha reunión con Cataluña de Estado a Estado, como reclaman os independentistas. Din os populares que eles non aceptarán que se venda España e que se manterán firmes na súa posición de alternativa a Sánchez. 

 

 

Noticias web

26/11/2019