CRTVG

Buscar

O PSOE discrepa con Unidas Podemos na lei trans e frea a súa tramitación no Congreso

Publicado o 18/05/2021 20:33

A proposición de lei sobre as persoas trans chegou ao Congreso da man de Esquerra e de varios grupos minoritarios. É identica á que impulsa o Ministerio de Igualdade, pero esa segue gardada nun caixón polas dúbidas do outro socio de Goberno.

Pilar Vallugera, de ERC, dixo que "a obstaculización constante e reiterada do Partido Socialista Obreiro Español puxo e perigo este proxecto de lei".

Nun xesto inusual, a propia ministra pediu a palabra para desculparse ante as persoas trans por non convencer os seus socios. Irene Montero admitiu que "son consciente de que este debate debeu chegar a esta cámara traído por parte do Goberno e non o conseguín, e quero pedirlles perdón".

O PSOE explica que, tal e como está redactada, a norma carece de seguridade xurídica.

Susansa Ros, do PSOE, afirmou que "as leis non son manifestos. Presenta contidos que cuestionamos e que poderían ser de dubidosa constitucionalidade".

A anunciada abstención do PSOE e o voto en contra de PP e VOX impedirán que a proposición se tramite. Tampouco sairá adiante o intento de reprobación do PP ao ministro do Interior.

Ana Belén Vázquez, do PP, reprochoulle que "Marlaska non controla nin as rutas marítimas cara ás Canarias nin as rutas por terra cara a Ceuta e Melilla. Marlaska só controla ben as rutas dos asasinos da ETA cara ao País Vasco. Son os únicos aos que serviu eficazmente todo este tempo".

O grupo socialista reprochoulles aos populares o uso da crise migratoria, unha traxedia humanitaria, din, e tamén unha cuestión de Estado.

Noticias web

18/05/2021