O PSOE de Pontevedra pide recompoñer o modelo político do partido en Galicia
No PSdeG seguen analizando os resultados electorais do domingo. Hoxe o PSOE de Pontevedra, a provincia onde os socialistas obtiveron os mellores resultados, avogou por unha reflexión profunda no seo do partido cara a un modelo novo en Galicia.
PSOE de Pontevedra teno claro. "Non podemos ofrecer proxectos con dúbidas, ofrecer proxectos non cribles", di o secretario xeral do PSdeG en Pontevedra, David Regades.
E dá o paso convocando un comité provincial aberto á militancia o próximo 23 de xullo. Regades escúdase na forza dos socialistas en Pontevedra, co corenta por cento dos deputados electos, lamenta a falta de diálogo e urxe unha reflexión profunda no partido. E engade, "creo que se cometeron erros. Toca recompoñer o modelo político do partido en Galicia e aí a provincia de Pontevedra ten moito que dicir"
En Lugo, o partido aposta por respectar os tempos previstos nos estatutos para facer renovacións. O secretario provincial, José Tomé defende que "cando hai un congreso, que toca para o ano que vén, antes do Congreso convócanse unhas primarias para aquelas persoas que queren optar a ser secretarios xerais. Ese é o momento de convocar as primarias".
E a alcaldesa da Coruña, Inés Rey di que "respecto os tempos do partido, as dinámicas internas".
E nesa dinámica, Gonzalo Caballero demanda máis tempo para asentar a renovación á fronte do partido.