CRTVG

Buscar

O PSOE de Madrid asume os "pésimos resultados" pero descarta a substitución de Gabilondo

Publicado o 05/05/2021 23:10
O PSOE de Madrid asume os "pésimos resultados" pero descarta a substitución de Gabilondo

EFE

A Comisión Executiva Rexional do PSOE non estuda cambios orgánicos nin a substitución de Ángel Gabilondo como portavoz na Asemblea de Madrid tras o desastre das eleccións autonómicas do 4 de maio, nas que o partido obtivo o peor resultado da súa historia, informaron a EFE fontes socialistas.

As mesmas fontes sinalan que o secretario xeral dos socialistas madrileños José Manuel Franco se reafirmou no seu cargo durante a reunión da Executiva Rexional celebrada este mércores para analizar o resultado das eleccións, nas que o PSOE perdeu 13 escanos ao pasar de 37 a 24 e quedou como terceira forza tras o PP e Más Madrid, que o adiantou en votos.

Outras fontes socialistas aseguran que algúns membros da Executiva pediron durante a reunión telemática, de tres horas de duración, a celebración dun Congreso Rexional extraordinario e a substitución de Gabilondo como portavoz parlamentario. Con todo, Franco expresou a intención de cumprir cos prazos e celebrar o Congreso Rexional despois do Federal de outubro, como estaba previsto.

O PSOE de Madrid informou nunha nota de prensa de que a Executiva Rexional acordou "comezar a traballar para lograr unha transición ordenada no próximo Congreso Rexional" e "escoitar nas próximas semanas tanto os órganos do partido como a militancia para analizar e tomar as medidas necesarias que permitan volver conseguir a confianza da cidadanía madrileña".

"Somos conscientes de que a nosa mensaxe e as nosas propostas non chegaron á cidadanía, pero traballaremos para que, nos dous anos que quedan para a próxima cita nas urnas, consigamos que confíen no noso proxecto de Comunidad de Madrid e depositen no noso partido toda a súa confianza para conseguilo", engade o partido, que recoñece os "pésimos resultados" electorais.

A Executiva Rexional emprazouse a reunirse de novo a próxima semana para "ter un diagnóstico preciso de cales foron os motivos desta perda de apoio nas urnas e empezar a traballar de inmediato e sen descanso para volver recuperalo". Con todo, polo momento non haberá cargos orgánicos a pesar de que a corrente crítica Esquerda Socialista de Madrid pediu a dimisión da Comisión Executiva Rexional do PSOE e a renuncia á acta de deputado de Gabilondo para iniciar "un proceso de renovación de cargos e políticas".

Respecto ao futuro de Gabilondo, fontes próximas ao candidato aseveraron que recollerá a súa acta como deputado na Asemblea rexional e non estuda a súa dimisión, a pesar de que algunhas voces da dirección socialista estaban a dar por segura a súa saída na xornada postelectoral . O presidente do Goberno e líder do PSOE Pedro Sánchez convocou unha reunión da Executiva Federal do partido para este xoves, 6 de maio, que, en principio, estaba posta para o vindeiro luns.