O PSOE de Inés Rey desbanca a Marea Atlántica de Xulio Ferreiro na Coruña
Por primeira vez na democracia, unha muller, a candidata socialista, vai tomar o mando de Coruña.
Inés Rey, a candidata do partido socialista será a próxima alcaldesa da Coruña. Empatou con 9 concelleiros coa popular Beatriz Mato, pero a suma cos 6 edís da Marea e os 2 do BNG abren a posibilidade a un goberno de esquerdas en María PIta. O PP, malia gañar os comicios con 400 votos, non sumaría apoios dabondo para gobernar.
O anterior alcalde Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica, asumía personalmente o descalabro da súa formación que perdeu 4 concelleiros con respecto das municipais de 2015. Pediu desculpas á veciñanaza visiblemente emocionado.
Os nacionalistas, con Francisco Jorquera á cabeza, suben desta volta un concelleiro e quedan con dous representantes no gobnerno municipal. A cabeza de lista de Ciudadanos, Mónica Martínez senrá a primeira desta formación en formar parte da corporación municipal da Coruña.
O Partido Popular foi a forza máis votada na cidade da Coruña por unha diferencia de 400 votos. A candidatura de Beatriz Mato queda con 9 concelleiros, un menos que nas anteriores eleccións municipais.
Beatriz Mato PPdG "Os coruñeses volveron darlle a victoria ao Partido Popular. Unha vez máis e neste caso co 30,20% o PP é o gañador destas eleccións".
Tamén 9 concelleiros obtén o PSdeG. Os socialistas lograron un aumento de máis de 15.000 votos con respecto aos pasados comicios.
Inés Rey PSdeG-PSOE "A Coruña elixe avanzar e non a imos defraudar. Hoxe os coruñeses e coruñesas elixiron un proxecto de progreso, un proxecto de esquerdas. Puxeron un muro á dereita e á ultradereita para apostar polo progreso".
O actual alcalde, Xulio Ferreiro, foi o gran derrotado da noite. A Marea Atlántica pasa dos 10 concelleiros actuais ata os 6 edís.
Xulio Ferreiro Marea Atlántica "Asumo en primeira persoa a responsabilidade destes resultados e lamento as decepcións que puidesen ter durante estes anos. A todas as persoas que nos retiraron a súa confianza pídolle as miñas desculpas".
O BNG, pola súa banda, gaña un edil con respecto aos anteriores comicios e terá dous representantes en María Pita.
Francisco Jorquera BNG "Son uns resultados moi positivos, tivemos un incremento moi significativo no número de votos e incrementamos a representación. E ademais son uns resultados que se producen nun contexto de subida xeral do BNG".
Ciudadanos entrará por primeira vez no concello coruñés. A súa candidata, Mónica Martíne,z sentíase ilusionada co resultado.
Mónica Martínez Ciudadanos "Conseguimos entrar cunha persoa, neste caso comigo. Estamos moi contentos e a partir de mañá empezar a traballar".
Todo apunta a que Inés Rey se convertirá na próxima rexedora da cidade, pero precisará buscar apoios. A socialista sería a primeira muller alcaldesa electa da democracia na cidade herculina.