O PSOE de Bugallo, oito anos despois, volve á alcaldía de Santiago de Compostela
En Santiago, os socialistas gañaron as eleccións ao pasar de catro a dez edís, unha remonta considerable lograda á conta da forte caída de Compostela Aberta, que perdeu a metade dos seus representantes. Xosé Sánchez Bugallo regresa á alcaldía oito anos despois de abandonala. Hoxe comparecía ante a prensa canso pero contento..."estou baixando un pouco da nube", dixo.
Vai precisar apoios para a investidura polo que iniciará axiña os contactos cos outros grupos. "Tampouco é que teñamos unha decisión totalmente tomada. Queremos gobernar en solitario? Pois non é exactamente iso", declarou o candidato socialista á alcaldía.
Ante os malos resultados, o candidato de Compostela Aberta puxo o seu cargo a disposición do partido. Martiño Noriega xa chamou á noite a Sánchez Bugallo para felicitalo e acordar o traspaso de poderes e "porme ó seu dispor ao longo destas semanas para transmitir o estado da situación do concello".
Os populares quedan con oito concelleiros, un menos que nas últimas. Agustín Hernández asume que o seu partido "liderará a oposición no pazo de Raxoi nos vindeiros catro anos".
E o BNG conserva os dous edís que xa tiña.