CRTVG

Buscar

O PSOE busca unificar criterios sobre financiamento autonómico

Publicado o 16/10/2021 21:21

A reunión sobre financiamento autonómico convocada polo presidente da Xunta para o 2 de novembro tamén estivo moi presente neste Congreso. Un dos novos membros da executiva federal, o presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, confirmou que mañá mesmo chamará a Núñez Feijóo para transmitirlle a posición común do PSOE.

O presidente da Xunta convocou varios presidentes autonómicos, incluídos algúns socialistas, para negociar unha posición común sobre o modelo de financiamento autonómico que prepara o Goberno. Este sábado, dous deles, o presidente estremeño e o de Castela-A Mancha non quixeron confirmar a súa asistencia, á espera de conseguir unha posición común dentro do PSOE. Vara, que asume a secretaría de política autonómica tras este Congreso federal, asegura que mañá mesmo falará con Núñez Feijóo.

"Teño pendente unha conversación porque se produciu un feito que non foi transmitido e explicado axeitadamente, pero é verdade que rectificou e temos que falar", di o presidente de Estremadura.

"É unha cita que forma parte de encontros de hai anos e o propio presidente Feijoo deixou moi claro o outro día que non pretende ningunha fronte e que se se malinterpretou, non é a súa intención e desde logo ninguén ten intención de facer frontes porque se trata de construír un país en positivo", engade García Page.

Os dous baróns socialistas admiten que será difícil chegar a un acordo porque cada presidente defende os intereses da súa rexión. De feito, o presidente de Aragón, Javier Lambán, asegura que o 2 de novembro estará na reunión de presidentes da España despoboada.
"Estamos falando de ir todos, eu confío en que ao final iremos todos", afirma Lambán.
"A cuestión é que non se trata dun sistema de perdedores e gañadores, dun sistema de confrontación, España ten que coserse ben e ter sobre todo uns principios básicos, que son os da Constitución, igualdade entre cidadáns e singularidade entre territorios", conclúe o presidente da Comunidade Valenciana.

Noticias web

16/10/2021