CRTVG

Buscar

O PSdeG propón convocar 5.000 prazas para reforzar a Atención Primaria

Publicado o 24/05/2021 14:59

O secretario xeral do PSdeG considera que a Xunta de Galicia debería convocar 5.000 prazas para reforzar a Atención Primaria tras a pandemia da covid-19. Na súa opinión, ese incremento sería unha axuda tamén para afrontar novos procesos de vacinación masiva.

Gonzalo Caballero compareceu ante os medios de comunicación, acompañado polos voceiros de Sanidade do seu partido no Parlamento, Julio Torrado, e no Congreso, Ana Prieto, para expoñer medidas de avance na reactivación.

Neste sentido, tamén lle demandou ao presidente galego que aumente o número de persoas con dereito a xuntarse nestas circunstancias e que estenda o horario de apertura de toda a hostalería ata a unha da mañá. Ao seu parecer, ampliar os permisos só dos bares con servizo de restauración é “un pequeno apaño que xera confusión”.

O líder socialista pensa que a estratexia de inmunización segue adiante con "magníficos resultados", unha aposta que "se debe manter" cun plan de contratación ambicioso para mellorar a asistencia na sanidade pública e, sobre todo, na atención primaria. 

Segundo dixo, a Xunta "castigou de xeito continuo" a cidadanía e o persoal dese servizo con recortes anteriores á pandemia, o que provoca está a provocar unha derivación "a un sistema de vía telefónica que evita o contacto cos pacientes".

Para reverter esta tendencia, insistiu en que a Xunta debe ofrecer contratos estables que permitan rachar o "círculo de enfraquecemento" en que está instalada a sanidade galega e deixar atrás medidas como a retirada do complemento variable a profesionais que non cumpran as cocientes de presencialidade esixidas.

Noticias web

24/05/2021