O PSdeG pide unha comisión de investigación sobre a covid-19 en residencias

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou este martes que o seu partido proporá a creación no Parlamento de Galicia dunha comisión de investigación que analice o ocorrido nas residencias de maiores galegas durante os meses máis críticos da crise da covid-19.
"Debémoslles aos galegos unha investigación e unha aclaración", asegurou Caballero en conferencia de prensa, desde onde quixo dirixirse ao PPdeG para pedirlles que permitan a tramitación desta iniciativa e a constitución deste órgano.
O dirixente socialista considerou necesario "aclarar e dar luz a todo aquilo que aconteceu nas residencias de maiores na primeira onda da pandemia", cando se produciron "moitos contaxios" no interior das mesmas con "efectos moi duros" como o falecemento de decenas de persoas.
Así pois, Caballero manifestou que é necesario mostrar "vontade construtiva" para "aprender dos erros e entre todos ter máis capacidade de resposta" ante situacións deste calibre, sobre todo agora que en Galicia se están a rexitrar múltiples repuntas do virus" e vén "un outono que pode ser complicado".
Desta forma, reclamou ao PP "que cambie a súa actitude en relación ás comisións de investigación" e que deixe de vetalas ou de adulteralas como na anterior lexislatura; debido a que -insistiu- "hai unha preocupación social, hai moitos falecidos e hai que corrixir os erros detectados".
A pesar de referirse a esta investigación como unha "débeda" con todos os galegos, o líder do PSdeG non confirmou se fará uso do mecanismo parlamentario que, de existir consenso entre eles, permite aos grupos da oposición impulsar unha comisión por lexislatura sen o apoio da maioría da Cámara galega.
Segundo Caballero, existen "distintos mecanismos" que permiten abordar este tema e múltiples posibilidades a aplicar nunha lexislatura recentemente comezada e que debería durar catro anos.