CRTVG

Buscar

O PSdeG e o BNG rexeitan o plan da Xunta de subvencións por instalar caixeiros no rural

Publicado o 10/09/2021 12:48
O PSdeG e o BNG rexeitan o plan da Xunta de subvencións por instalar caixeiros no rural
EFE

O BNG e o PSdeG expresaron este venres o seu rexeitamento aos plans da Xunta de subvencionar con diñeiro público a instalación de caixeiros automáticos en municipios rurais, por considerar que iso supón un aliciente a que as entidades financeiras pechen máis oficinas.

O director xeral de Política Financeira da Xunta David Cabañó indicou ante unha comisión do Parlamento de Galicia a intención de financiar con 2,5 millóns de euros a instalación de caixeiros automáticos, co compromiso de que haxa unha persoa física que atenderá e proverá "educación financeira e dixital" aos usuarios.

Cabañó indicou que o proceso está aínda en fase de adxudicación con algunha entidade bancaria e destacou que a Xunta asinou acordos con 38 municipios para ese tipo de servizo, dos cales precisou que 11 están gobernados polo PSdeG e 2 polo BNG, polo que convidou os deputados da oposición a reflexionaren sobre esa medida práctica para 55.000 habitantes.

O representante da Xunta respondeu así unha pregunta do deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera, quen cuestionou esa medida e preguntou se "a Xunta está disposta a dar diñeiro para poñer un caixeiro cada vez que unha oficina pecha" en zonas rurais en que quedan sen acceso a servizos financeiros básicos.

Opinou que iso pode supoñer un incentivo para as entidades bancarias que obteñen amplos beneficios e pechan oficinas en zonas rurais en que hai unha poboación envellecida con graves dificultades para acceder ás súas contas por sistemas dixitais.

Francisco Rivera destacou que un recente informe do Banco de España indica que máis de 250.000 galegos non ten acceso próximo a diñeiro en efectivo polo peche de caixeiros automáticos e oficinas bancarias.

O deputado do PSdeG expresou a vontade do seu partido de tomar iniciativas normativas no Estado para "obrigar as entidades financeira a prestaren servizos básicos" aos cidadáns, pero indicou que a Xunta "non pode desprazar a súa responsabilidade" e "botar balóns fóra".

Ademais, foi especialmente crítico coa actitude da entidade Abanca, que a pesar de controlar case a metade do mercado financeiro galego e a obter máis de 3.000 millóns de euros de beneficio, despois de gozar dunha rede de oficinas e caixeiros instalada polas extintas caixas de aforro galegas (Caixanova e Caixa Galicia), agora dedícase a pechar algunhas desas instalacións e aspira a obter subsidios da Xunta.

Especialmente, Francisco Rivera cuestionou a "rapidez" do proceso de venda das extintas caixas de aforro a Abanca por 1.000 millóns de euros, tras unha inxección de capital público de 9.000 millóns de euros, en condicións que "nunca foron explicadas" e que cualificou de "desastroso", ademais de subliñar que aínda está pendente de que unha comisión de investigación parlamentaria emita un ditame.

Pola súa banda, a deputada do BNG Noa Presas opinou que axudar os bancos para poñeren caixeiros onde pechan oficinas pode ter un "efecto chamada".

Ademais, opinou que a firma de acordos con municipios para instalar caixeiros supón unha "extorsión" e convidou á Xunta a que en lugar de recorrer a esas fórmulas exerza o seu "poder político" en beneficio do conxunto da poboación "e non dos intereses da banca".

Nese sentido, convidou tamén a Xunta a tomar medias para pedir ás autoridades estatais "modificacións" normativas para que as entidades bancarias ofrezan "servizos mínimos".

Presas foi mesmo máis crítica coa actitude de Abanca e do seu presidente, o banqueiro de orixe venezolana Juan Carlos Escotet, e reprochou ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo a súa disposición para facerse fotografías con el, a tomar iniciativas conxuntas con esa financeira sobre xestión de fondos europeos ou para facilitar a súa iniciativa dunha universidade privada.

A deputada do BNG lamentou que a Xunta contribuíse á "dinámica de regalar este país a Escotet" pero Feijóo non sexa capaz de influír, en cambio, nas súas decisións sobre o peche de oficinas no ámbito rural.

Noticias web

10/09/2021