CRTVG

Buscar

O PSC e ERC comezan cadansúa negociación para a investidura

Publicado o 15/02/2021 20:36

Tras case duplicar os seus escanos e levar o PSC a ser a primeira forza política en Cataluña 18 anos despois, Salvador Illa loitará pola investidura. O candidato socialista di: "O PSC gañou as eleccións, converteuse unha vez máis no centro de gravidade da política catalá e síntome na obriga de intentalo e de traballar para conseguilo".

Xa empezou a telefonar as demais forzas, agás VOX, aínda que as súas opcións son remotas. Porque aínda que Esquerra, cos mesmos escanos pero menos votos, di que aspira a un goberno amplo, na ecuación non entra un dos partidos que apoiou o 155. Oriol Junqueras, presidente de ERC, asegura que "un goberno co PSC é imposible porque somos os dous partidos políticos máis antagónicos de Cataluña".

Esquerra acelera os contactos para intentar adiantarse aos socialistas: Junts per Catalunya, cun escano menos, di que o seu foi un empate técnico, pero que non teñen incoveniente en que Pere Aragonès sexa presidente. Ao que non están dispostos é a aceptar os Comúns como compañeiros de viaxe, como queren os republicanos.

Jordi Sánchez, secretario xeral de Junts per Catalunya, explicou: "Para nós, iso significa un acordo prioritario e único con Esquerra Republicana e a CUP".

Podemos, que mantivo os seus oito escanos, pídelle a Esquerra valentía para construír cos socialistas un tripartito de esquerdas. O outro gañador da noite electoral é un VOX que entra no Parlament con 11 escanos, máis que o PP e Ciudadanos xuntos.

Ignacio Garriga, de VOX, promete: "Exerceremos unha oposición forte, contundente, que garantirá o cumprimento da lei en Cataluña".

O futuro Parlament ten ata o 12 de marzo para constituírse. De apurárense os prazos, o primeiro intento de investidura sería arredor do día 26.

Noticias web

15/02/2021