CRTVG

Buscar

O prezo da luz inicia outubro en máximo histórico e superando os 200 €/MWh

Publicado o 30/09/2021 13:24

O prezo da electricidade no mercado almacenista (pool) arrincará outubro cun novo máximo histórico e por primeira vez na historia excederá de media nun día os 200 euros/megawatts hora, ao alcanzar para mañá, venres, os 216,01 euros/MWh, un 13,73 % máis ca o prezo para hoxe.

Esta nova marca prodúcese despois de que en setembro, mes en que a electricidade se pagou de media a 156,15 euros/MWh, o prezo da luz no mercado almacenista batese oito récords.

Segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE), mañá a electricidade será máis cara entre as 22:00 e as 23:00, cando chegará a 230 euros/MWh, e máis barata entre as 15:00 e as 18:00, en que o seu prezo será de 198,77 euros/MWh.

Setembro pechou como o mes coa factura da luz máis cara da historia malia as medidas do Goberno para conter a suba A OCU di que a factura media acumula xa unha suba do 27 por cento respecto ao ano pasado e apunta que esta escalada de prezos anula xa as medidas extraordinarias do Goberno para o sector eléctrico. Nesta situación, a OCU di que é practicamente imposible que a factura deste ano non supere a de 2008 máis a inflación, practicamente imposible que se cumpra o compromiso do presidente do Goberno.

O impacto nos prezos da cesta da compra que provoca a suba da enerxía tradúcese nun incremento xeralizado do 4 %. Soben o prezo de moitos produtos, algúns deles básicos: o leite, os ovos e a carne rexistran incrementos nos prezos de ata un 5 por cento, e a suba é maior noutros produtos como o aceite de xirasol, polo que pagamos un 44 por cento máis.

A imparable escalada do prezo da enerxía está detrás desta alza de prezos nos alimentos, pero tamén a suba histórica do IPC repercute na cesta da compra.

Noticias web

30/09/2021