Os escolares non terán que manter a distancia de seguridade nin usar máscara ata 4º de primaria
Os ministerios de Sanidade e Educación elaboraron un documento para que o próximo curso comece de forma segura, que inclúe, entre outras medidas, que entre os alumnos de ata 10 anos se establezan grupos estables que non necesiten gardar distancia de seguridade nin levar máscara.
O documento, que será exposto mañá ás comunidades para que fagan as súas achegas na Conferencia Sectorial Educativa, presidida pola ministra Isabel Celaá, busca "ofrecer un marco común que poida ser adaptado en cada comunidade e ser implementado segundo a realidade de cada centro", segundo informou Educación nunha nota.
Estas son as principais claves da proposta:
- Desde infantil ata cuarto curso de primaria incluído (10 anos), poderanse establecer grupos estables de alumnado, idealmente con 15 alumnos (máximo 20), que poden socializar sen manter a distancia interpersoal de forma estrita, xa que é un grupo de convivencia estable. Isto posibilitará, ademais, o rastrexo de contactos rápido no caso de que se dese algún caso.
- En quinto e sexto de primaria, en educación secundaria obrigatoria (ESO) e en bacharelato, os espazos reorganizaranse de forma que se conte cunha separación de polo menos 1,5 metros entre as mesas.
- Máscara: en infantil non é obrigatoria e en primaria, desde o primeiro curso ao cuarto, tampouco será necesario o seu uso se se está co grupo estable de convivencia. Se se sae do mesmo deberase levar posta cando non se poida manter a distancia de 1,5 metros.
- Para os alumnos que cursen a partir de quinto de primaria, o uso de máscara será obrigatorio cando non se poida manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros pero non cando se estea sentado no pupitre.
- Priorizarase, na medida do posible, a utilización dos espazos ao aire libre para a realización das actividades educativas e de lecer, en lugar dos pechados.
- Prevención persoal: hixiene de mans frecuente e meticulosa, evitar tocar o nariz, ollos e boca e empregar panos dun só uso.
- Cada centro debe ter, de forma complementaria ao documento base, un plan de inicio de curso e plans de continxencia.
- Proponse que haxa unha persoa responsable de referencia para os aspectos relacionados coa COVID-19 e recoméndase a creación dun equipo, formado por distintos representantes da comunidade educativa, que garanta que todo o mundo estea informado, así como o cumprimento dos principios.
- Cada centro deberá dispoñer dun protocolo de limpeza e desinfección. A limpeza deberá facerse polo menos unha vez ao día, reforzándose naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso, por exemplo nos aseos, onde será de polo menos tres veces ao día.
- Débense realizar tarefas de ventilación frecuente nas instalacións e durante polo menos cinco minutos ao comezo da xornada, ao finalizar e entre clases, sempre que sexa posible. Cando as condicións meteorolóxicas e o edifico o permitan aconséllase manter as xanelas abertas o maior tempo posible.
- Se unha persoa comeza a desenvolver síntomas compatibles coa COVID-19, levarana a un espazo separado de uso individual, colocaráselle unha máscara cirúrxica (tanto ao que iniciou síntomas como á persoa que quede ao seu coidado) e contactarase coa familia.
- Débese chamar ao centro de saúde ou ao teléfono de referencia da súa comunidade ou cidade autónoma, e ao seu Servizo de Prevención de Riscos Laborais no caso de traballadores, e seguiranse as súas instrucións. En caso de presentar síntomas de gravidade ou dificultade respiratoria chamarase ao 112.
- Saúde Pública será a encargada da identificación e seguimento dos contactos segundo o protocolo de vixilancia e control vixente na comunidade autónoma correspondente.