O proxecto #DígochoEu da CRTVG, Premio Paraugas de Comunicación 2020

#DígochoEu, o proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua galega, recibiu esta noite o Premio Paraugas de Comunicación 2020 na categoría de Mellor Execución de Idea. O xornalista Carlos Amado, director do espazo, recolleu o galardón nunha gala virtual celebrada este venres. #DígochoEu impúxose aos proxectos ‘Hoy es un anuncio, mañana no’, de Astrágalo Studio, e ‘Queixo Tetilla: outra forma de ver a vida’, de Idea Creatividad y Comunicación aos que tamén felicitamos e saudamos desde aquí.
#DígochoEu fixo un ano o 1 de xaneiro e neste 2021 segue a bater marcas de seguimento nas redes sociais, chegando a 7,7 millóns de visualizacións na rede social TikTok, onde se estreou en outono. O espazo atrae os máis novos cun formato extremadamente divertido e dinámico, en que a xornalista Esther Estévez convida a falar mellor en galego nun breve vídeo.
Cada capítulo diario propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. #DígochoEu naceu dentro da web dos Servizos Informativos, onde enseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana, e desde aí deu o salto á pantalla dos telexornais e ás redes sociais. Hoxe pode verse na web crtvg.gal, en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@g24noticias), Twitter (@g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG.
Dirixido polo xornalista Carlos F. Amado, #DígochoEu está presentado por Esther Estévez, coa revisión do servizo de asesoramento lingüístico da CRTVG da man de Rocío Pérez.
Os Premios Paraugas de Comunicación e Marketing de Galicia, referente do sector galego da comunicación, foron creados hai cinco anos polo Clúster Galego da Comunicación Gráfica para distinguir as mellores campañas, estratexias de creatividade, deseño, artes gráficas e editorial, e accións de mercadotecnia e comunicación de Galicia. A crise sanitaria da Covid-19 fixo imposible programar en 2020 a gala de entrega destes galardóns, que foron adiados a este mes de febreiro e que se celebran esta noite de xeito virtual. Parabéns a todos os participantes! #DígochoEu!