O proxecto de rehabilitación da casa torre da Tinería terá ascensor con acceso ao adarve
No emblemático barrio lugués da Tinería arranca o proxecto de rehabilitación da casa torre. Trátase dun edificio singular que albergara unha oficina de turismo e a sede da Asociación Provincial de Hostalería, un proxecto vinculado ao turismo nunha zona na que conflúen tres monumentos Patrimonio da Humanidade.
"Vai consistir na recuperación da casa torre, o antigo hospital de San Miguel, que se vai facer cun proxecto moi respectuoso coa historia da cidade. Vaise recuperar este espazo para o goce dos cidadáns e tamén para un uso público", sinala Margarita López, xefa territorial da Consellería de Vivenda en Lugo.
A rehabilitación creará un itinerario peonil cun pasadizo pegado á cara interna da muralla e que incluirá un novo ascensor con acceso ao adarve, unhas obras de mellora ben acollidas polos veciños.
"Todo o que sexa mellorar a imaxe está ben porque aquí vese demasiada ruína e todo o que sexa un ascesor e accesibilidade está ben", " todo o que sexa mellorar o contorno da muralla é progreso e un beneficio tanto para os veciños de Lugo como para os turistas", din os veciños.
Nunha zona chea de historia coma esta prevese a aparición de restos arqueolóxicos, que serán musealizados in situ a través dun forxado de vidro.