CRTVG

Buscar

O profesor de economía aplicada Gonzalo Rodríguez di que a economía será máis inestable no futuro

Publicado o 01/08/2021 20:02

Logo dunha crise grande adoita producirse un rebote económico. En España, tras a parálise total ao inicio da pandemia, os distintos sectores foron tomando osíxeno da man da desescalada. Con respecto a hai un ano, o emprego medrou preto dun 19 %, mentres que o PIB case un 20 %. 

"Estamos no proceso de recuperación económica e imos chegar a niveis de emprego idénticos ou parecidos aos de antes da pandemia. O problema é que imos ter máis volume de emprego precario", prognostica o profesor de Economía Aplicada, Gonzalo Rodríguez.

O profesor vaticina que no futuro a economía será máis inestable, cos ciclos de recesión e crecemento sucedéndose máis rápido, porque levamos lastre ás costas. 

"A covid é un elefante pero temos tres ou catro elefantes máis na cacharrería: o cambio climático, niveis de desigualdade e de débeda moi elevados", explica o experto.

Gonzalo Rodríguez di que as crises reduciron a confianza da xente e fixérona máis receptiva, por exemplo, ás noticias falsas e que isto tamén é un factor de inestabilidade económica.

"O que necesitamos para resolver esa desconfianza é resolver a desigualdade", asevera.

O Goberno agarda o impulso dos máis de 19.000 millóns de euros dos fondos europeos. Gonzalo Rodríguez considera fundamental que se poñan cartos en movemento. 

"Unha das cousas que aprendemos da crise anterior é que as medidas de austeridade non funcionan, adían a saída da crise. A economía necesita gasolina, que é o diñeiro, e hai que poñelo en circulación", explica.

O profesor defende que paliar a desigualdade e crear medianas empresas son as mellores vías para un crecemento sólido.

Noticias web

01/08/2021