CRTVG

Buscar

O primeiro ministro italiano presenta a dimisión e o presidente inicia consultas

Publicado o 26/01/2021 13:27

O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, presentou hoxe a súa dimisión ao presidente da República, Sergio Mattarella, quen decidiu iniciar consultas cos principais líderes políticos do país para solucionar a crise, segundo informou a xefatura do Estado.

Agora Mattarella abrirá unha rolda de consultas que comezará este mércores pola tarde e continuará o xoves para analizar as diferentes saídas á crise de Goberno, provocada tras o abandono da coalición gobernamental por parte do partido Italia Viva do exprimeiro ministro Matteo Renzi.

Conte viuse forzado a presentar a dimisión ao ter constancia de que non conseguiría os apoios necesarios para afrontar os próximos compromisos no Parlamento, entre eles, o voto á xestión do ministro de Xustiza, Alfonso Bonafede, previsto para esta semana.