O prezo dos coches sobe un 1,2%, impulsado polos todo camiño
Abrimos a porta do tipo de vehículos que tiraron á alza os prezos no último ano. De media medraron un 1,2%. Os todo camiño e os SUV teñen moito que ver.
"Véndense os todo camiño e SUV, que están de moda e teñen un prezo maior e iso fai que o prezo de compra de todos os españois sexa maior. Non quere dicir que o prezo dos coches aumentara", explica Fernando Cebro, xefe de vendas de Noyamóvil.
"O segmento maioritario ata hai pouo era un segmento C, por exemplo dun Golf, dun Corolla ou dun León. Pero agora o segmento que tira máis do mercado é o segmento SUV, porque engaden sistemas de precolisión, detector de peóns e ciclistas, etc., e eses elementos incrementan os prezos dos coches", engade Jorge Alfeirín, Comercial de Toyota.
Nos concesionarios notan como o mercado dos todo camiño se está incrementando cada vez de forma máis rápida.
"Agora mesmo son un récord de vendas, case un de cada catro operacións que se pechan son de vehículos SUV". "De vender dun 10% pasamos a un 30% neste tipo de coches". Os todo camiño urbanos chegaron a superar a cota do 40% de mercado no último ano.