A escaseza e a proximidade do Nadal provocan unha escalada do prezo do marisco
Ameixas a 32 euros, nécoras a 21, centolas a 30 e santiaguiños por riba dos 100 euros/quilo. Son algúns dos prezos que se están a pagar hoxe polo marisco na praza de abastos de Lugo e en case toda Galicia.
Son prezos elevados e que aínda irán subindo cada día que pase ata chegar á Noiteboa. Aínda así, a demanda non se detén e nas peixerías hai colas todas as mañás. En boa medida porque os clientes mercan para conxelar ata o Nadal.
Así o confirman vendedores e compradores.
"Agora sobe cada día. O lumbrigante subiu 6 euros nunha semana e a centola, 5".
"Está subindo de xeito exponencial. Sobre todo ameixa e centola. Estan unha a 32 e a outra, a 39".
"Vai subindo paulatinamente. O que se mercaba a 18 euros a semana pasada está agora a 25 no caso da centola".
Os altos prezos veñen motivados pola escaseza de marisco nas lonxas. E a escaseza débese a que hai menos marisco que outros anos na costa e, sobre todo, a que os sucesivos temporais obrigaron a manter amarrada a frota de baixura durante varios días nas últimas semanas.
O peixe tamén vai moi caro, chegando a pagarse 31 euros na lonxa por un quilo de ollomol, é decir a 40 para o consumidor final.
"Demanda hai. As vendas están ben. A calidade sobe. E hai pouco por causa dos temporais seguidos".
"Este ano é un ano de pouca centola porque non a hai no mar. E a pouca que hai todo o mundo a quere".
Nos 13 días que quedan ata o nadal o marisco vai seguir subindo en cada xornada. Así, queda a opción de gozar do chamado marisco de terra.