CRTVG

Buscar

O prezo da luz sobe sen freo e mañá bate unha nova marca: 228,59 €/MWh

Publicado o 05/10/2021 13:28
EFE

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) alcanza mañá, mércores, unha nova marca histórica, ao chegar aos 228,59 euros/megawatt hora (MWh), un 12,2 % máis que hoxe, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico de Electricidade (OMIE).

O prezo da luz supera por terceira vez a barreira dos 200 euros/MWh e no que vai de outubro marca xa dúas marcas históricas.

Por franxas horarias, a electricidade será mañá máis cara entre as 21:00 e as 22:00, cando chegará aos 260 euros/MWh, e máis barata entre as 16:00 e as 17:00 horas, cando o seu prezo será de 193,2 euros/MWh.

O prezo da luz para mañá é 5,5 veces máis caro que o que había o mesmo día do ano pasado, cando foi de 41 euros/MWh, e cinco veces maior ao do 6 de outubro de 2019, cando estaba a 45,24 euros/MWh de media.

A media no que vai de outubro é de 186,66 euros/MWh, por encima dos 156,14 euros/MWh de media con que se cerrou o mes de setembro, ata a data o máis caro da historia.

Os prezos do mercado almacenista repercuten directamente na tarifa regulada ou PVPC, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores en España, e serve de referencia para os outros 17 millóns que contratan a súa subministración no mercado libre.

A escalada de prezos que afecta a gran parte de Europa débese, entre outros factores, ao encarecemento do gas nos mercados internacionais, que se emprega nas centrais de ciclo combinado e que marcan o prezo do mercado na maioría das horas, e o aumento do prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2).

En concreto, o prezo do gas no Mercado Ibérico do Gas para hoxe sitúase en 91,25 euros/MWh, un 17,4 % máis (13,55 euros/MWh) ca na sesión de onte.

Noticias web

05/10/2021