CRTVG

Buscar

O prezo da luz dispara a cesta da compra e eleva o IPC ata o 4 %, o máis alto en 13 anos

Publicado o 29/09/2021 14:59

A suba do prezo da luz, que segue en máximos, disparou a inflación ata o 4 % este mes. É o dato máis alto en 13 anos. 

Os prezos escalaron outras oito décimas respecto a agosto, segundo os datos avanzados polo INE. E levan subindo nove meses seguidos, sobre todo por ese encarecemento da electricidade e tamén dos carburantes.

A luz repite máximo para pechar o mes máis caro da historia

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse para este xoves, 30 de setembro, en 189,83 euros o megawatt hora (MWh), o que supón ao redor dun 0,04 % menos que o máximo que marca precisamente hoxe (189,9 euros).

En concreto, segundo os datos do operador do mercado ibérico OMIE, o prezo do pool, de referencia para calcular a tarifa á que están acollidos preto de 11 millóns de usuarios, custará 200 euros ou máis durante dez das vinte e catro horas de mañá.Por franxas horarias, os prezos oscilarán entre os 221 euros que se pagarán entre as 21:00 e as 22:00, e os 145 euros que custará entre as 03:00 e as 05:00 da madrugada.

Detrás destes elevados prezos do pool, que afectan a toda Europa, están o encarecemento internacional do gas e o incremento do prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2). Por exemplo, en Italia, o megawatt hora pagarase este xoves a unha media de 206,37 euros; no Reino Unido, a 162 libras (uns 188 euros); en Francia, a 165,57 euros; en Alemaña, a 112,57 euros, e en Portugal, ao mesmo prezo que en España ao compartir mercado. 

O prezo da electricidade no mercado almacenista sumou un fito este mes, ao converterse no máis caro da súa historia con 8 récords históricos. Superou de media os 156 euros/MWh despois de situarse por encima de 150 euros ata en 19 xornadas, co que confirma a súa tendencia alcista por segundo mes consecutivo. 

 

Noticias web

29/09/2021