CRTVG

Buscar

O prezo da cebola está arredor de 1,50 euros o quilo na feira anual de Sanxenxo

Publicado o 04/09/2019 15:07

A feira da cebola de Sanxenxo conta este ano cunhas sesenta produtoras do Salnés. Ofrecen distintas variedades e tamaños da hortaliza. O encontro ten tamén a súa parte competitiva nun apartado artístico e de enrestrado. Nesta faceta, María dos Reis conta con grande experiencia e varios premios consecutivos pola lonxitude dos trenzados que fai coas cebolas.

"Un pouquiño máis. O ano pasado era menos. Penso que hai 180 a 200 metros, por aí. Non estou segura. O xurado é o que vai medir e... é o que manda".

Tamén se poden mercar outros produtos de cultivadores locais. María Carramal trae froitas de tempada e, por suposto, cebolas.

"Aínda que non foi un ano moi propicio para a cebola, non hai queixa; houbo bastante boa. Estou vendéndoa a un euro cincuenta o quilo. Este ano houbo moitos cambios de temperatura ao principio e favoreceu a produción de mildio, por iso non se nos deu moito e este ano vai un pouquiño máis cara".

E entre o público, as primeiras horas estaban máis dedicadas a observar que a mercar. Encontramos veraneantes que están a desfrutar da etapa final das vacacións, entre elas dúas madrileñas mercando.

"Pois, unhas ceboliñas moradiñas pequenas porque este tipo de cebolas galegas nunca as probara".
"Moi ben moi bonita esta feira. Cada ano máis xente na feira da cebola. Levo un allo da boa sorte para quitar o mal de ollo e que dea boa sorte a ver se para o ano que vén volvemos".

A Feira da Cebola alcanza este ano a súa edición número trinta e sete.

Noticias web

04/09/2019