CRTVG

Buscar

O presunto asasino de Mónica Marcos podería pasar mañá a disposición xudicial

Publicado o 18/09/2021 15:11

Os ramos de flores e as mensaxes agarimosas dos seus veciños e clientes custodian a entrada do negocio de Mónica. Tres días despois da súa morte, o barrio garda un silencio respectuoso coa familia da panadeira do Birloque, a primeira vítima da violencia machista deste ano en Galicia. O seu presunto asasino permanece nos calabozos da Policía Nacional da Coruña e mañá podería pasar a disposición xudicial.

José Manuel Guerreiro chegou ao cuartel de Lonzas desde Madrid, onde o prenderon o xoves á noite, apenas vinte e catro horas despois de que se activara a súa busca. Localizalo non foi complexo. O rastrexo do seu teléfono móbil situouno no aeroporto de Alvedro. Alí as cámaras de seguridade captaron o momento en que colleu o avión. Voou horas antes de que o fillo de Mónica atopara o seu corpo no domicilio que compartían os tres, xa na madrugada do xoves. A fuxida de José Manuel Guerreiro rematou neste hostal da madrileña rúa Sagasta. Detivérono sen que ofrecese resistencia.

Mónica Marcos recibiu sepultura no cemiterio de Cambre na tarde de onte. Ela e o seu presunto asasino levaban xuntos pouco máis de dous meses e convivían na mesma casa desde finais de agosto. As persoas máis próximas á vítima descoñecían os antecedentes por violencia machista del.

Para esta tarde hai convocadas unha vintena de concentracións en diferentes localidades de Galicia en repulsa por este crime e en recordo todas as mulleres mortas en circunstancias similares.

Noticias web

18/09/2021