O presidente estremeño propón adiar a reunión de Santiago sobre financiamento autonómico
O Congreso ratificou a nova executiva socialista con case un 95 % dos votos dos delegados. A anterior tivera o apoio do 70 %. Esta nova executiva conta con 42 membros elixidos por Pedro Sánchez.
O presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, desde este domingo responsable da política autonómica do partido socialista, cre que a reunión convocada polo presidente da Xunta para falar do financiamento autonómico non vai poder celebrarse na data prevista inicialmente, o 2 de novembro.
"Probablemente a reunión do día 2 haxa que adiala algunhas semanas porque temos que vernos primeiro nós, pero non só neste grupo, temos que acostumarnos a que os presidentes autonómicos nos vexamos con certa frecuencia". Vara cre que o momento actual é moi complicado para chegar a un acordo sobre financiamento, pero asegura que desde o seu posto na executiva buscará pequenos acordos para chegar a un acordo final.
"Proporeille que queremos seguir traballando xuntos polos problemas comúns e buscar datas para vernos axeitadamente".
"Guillermo, que estrea un cargo tan importante como a Secretaría de Política Autonómica, propón que vaiamos cunha cohesión previa, non tanto como socialistas, senón como gobernos autonómicos... positivo, ben, sinceramente, e ademais esa reunión será positiva para España", di o presidente de Castela-A Mancha.
O presidente da Generalitat valenciana, Ximo Puig, que se aliou co presidente andaluz, o popular Moreno Bonilla para reclamarlle ao Goberno central que resolva o infrafinanciamento das dúas comunidades, non quere falar de frontismos.
"Paréceme ben que haxa diálogo entre os diferentes presidentes autonómicos, hai intereses comúns, moitos en diferentes territorios que están próximos, por tanto non se pode ver como frontismo, eu véxoo ben, positivo", conclúe.
Á reunión de Santiago estaba prevista a asistencia de oito presidentes autonómicos, cinco do PSOE, dous do PP e un rexionalista. A presidenta da Rioxa, Concha Andreu, xa adiantou que non acudiría.