CRTVG

Buscar

O presidente de Portugal axuda a rescatar dous bañistas no Algarve

Publicado o 15/08/2020 23:07
O presidente de Portugal axuda a rescatar dous bañistas no Algarve

Fonte SIC

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, axudou hoxe a rescatar dous bañistas na praia de Alvor, na meriodional rexión do Algarve, onde pasa dous días de vacacións para promocionar o turismo na zona. O xefe de Estado luso, que atendera minutos antes a xornalistas na area, mergullouse na auga tras ver dúas mulleres que aparentemente tiñan problemas tras caer dunha canoa a algúns metros de distancia.

As cámaras captaron o momento no que o presidente chega ata elas e as axuda, antes de que outro cidadán nunha moto de auga acudira para axudar. Despois do incidente, e rodeado por decenas de curiosos na beira, volveu atender a prensa para comentar o sucedido.

"Aquelas mozas viñan doutra praia, e como a corrente é moi grande, foron arrastradas para fóra e viñeron en dirección a esta praia. Envorcaron e tragaron moita auga e non eran capaces nin de virar, nin de subir (á canoa) nin de nadar, tal era a forza da corrente", explicou.

Rebelo de Sousa comentou ademais a sorte de contar con "a axuda doutro patriota", en referencia ao cidadán da moto acuática. O presidente de Portugal, que dedicou gran parte das súas vacacións para visitar diferentes territorios do país para promocionar o turismo, pasará a fin de semana no Algarve, unha rexión fortemente golpeada pola caída de visitantes como consecuencia da pandemia de coronavirus.Copiar

Noticias web

15/08/2020