Asasinan o presidente de Haití na súa residencia, asaltada por homes armados

O presidente de Haití Jovenel Moïse foi asasinado esta noite por homes armados que asaltaron a súa residencia. Así informou a través dun comunicado o primeiro ministro interino do país Joseph Claude, quen asegurou que os atacantes falaban en inglés e en español.
O documento afirmaba que ao redor da 1 da madrugada do martes para o mércores un grupo de descoñecidos asaltaron a residencia privada do presidente e ferírono de morte. A súa muller quedou ferida de bala e permanece hospitalizada.
Claude tacha o acto de "atroz, inhumano e bárbaro".
O magnicidio agrava aínda máis a inestabilidade política do país, que vive violentas protestas nas rúas e coa oposición acusando o presidente de querer establecer unha ditadura.
Pola súa parte, Moïse, de 52 años, denunciou a semana pasada a oposición por estar organizando un golpe de Estado.
As rúas de Porto Príncipe mantéñense en calma, practicamente baleiras, tras o magnicidio, e a Policía controla os accesos ao barrio de Pelerin, onde se atopa a residencia de Moise.
Estado de sitio
O primeiro ministro interino declarou o estado de sitio nunha intervención televisada, acompañado polo director da Policía Nacional e outras autoridades, despois de presidir un Consello de Ministros extraordinario. "Tomáronse todas as medidas para asegurar a continuidade do Estado. Pido a todas as forzas vivas da nación que nos acompañen na batalla, na continuidade do Estado", dixo o xefe de Goberno.
Reiterou que a situación de seguridade do país está "baixo control" por parte da Policía Nacional e as Forzas Armadas e pediu á poboación que manteña a calma. Así mesmo, asegurou que os autores do asasinato de Moise serán levados á Xustiza e expresou a súa proximidade á familia, amigos e aliados do presidente Moise, a quen describiu como un home "moi valente".