CRTVG

Buscar

Feijóo, Pontón e Caballero desatascan o diálogo, pero sen chegar a acordos

Publicado o 26/03/2021 17:29

• O presidente da Xunta reuniuse por separado cos líderes do BNG e o PSdeG para analizar a evolución da pandemia e a reactivación

• Galicia comezará tras a Semana Santa a vacinación da poboación entre 55 e 65 anos con AstraZeneca

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo este venres senllas reunións coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Ambas as citas, convocadas en San Caetano, tiñan no foco a reactivación económica e social da comunidade nun contexto marcado pola pandemia.  

Logo destes encontros, o presidente da Xunta asegurou que "sería bo que Galicia fose unha expceción no panorama político, e se puidese atopar unha unidade política". "España necesita mais acordos e política que ruido", afirmou Feijóo.

Segundo explicou, centrou a súa oferta en nove cuestións. En canto á situación sanitaria, dixo que "é boa, pero seguimos en pandemia". Núñez Feijóo asegurou que lle pediu a Ana Pontón e a Gonzalo Caballaero que "confíen nos expertos" e que non haxa declaracións contraditorias.

Explicou que o proceso de vacinación é máis complexo do previso por ausencia de doses. Feijóo dixo que Galicia será a primeira comunidade en finalizar a inmunización dos maiores de das persoas con discapacidade. Anunciou que en maio finalizará a vacinación das persoas de máis de 80 anos e que a volta da Semana Santa comezará a poñerse a vacina de AstraZeneca ás que van de 55 a 65 anos.

Pediulles aos responsables do BNG e do PSdeG, desde a capacidade que teñen os seus partidos como gobernantes en concellos e deputacións que colaboren no rescate dos sectores afectados pola pandemia.

Falou o presidente da Xunta dun novo modelo de coidados, non só limitado ao ámbito das persoas maiores en residencias, senón tamén na educación, e outos ámbitos como o ocio ou o traballo, co compromsio de presentar neste semestre o modelo de residencias e centros educativos. 

Respecto aos fondos Next Generation dixo que lles trasladou que sería bo un acordo sobre os proxectos para "unha candidatura de maior aceptación" que fose "a de todos os galegos".

En canto á crise do sector industrial pediu saber cal é a proposta do BNG e do PSdeG, sobre Ence, Navantia ou as conserveiras. Solicitou Núñez Feijóo, que se apoiase a reivindicación dunha aposta do Goberno central na celebración do Xacobeo e tamén convidou aos partidos da oposición a celebrar os 40 anos de autogoberno que neste 2021 celebra Galicia.

"Gustaríame mandar unha mensaxe de unidade", concluíu o presidente da Xunta. "Falamos longo e tendido de todo, gustaríame que houbese propostas máis formadas", asegurou "pero foi positivo e construtivo para restablecer dialogo que é a nosa obriga".

Pontón sae sen "grande acordo de país", pero valora o diálogo

A primeira das reunións foi coa voceira nacional do BNG, Ana Pontón, quen á saída da reunión puxo en valor a oportunidade de poñer en "común" co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, propostas para "sacar a Galicia" da crise actual a pesar de que non ve no Goberno galego vontade de alcanzar "un grande acordo de país".

Tras un encontro de máis de dúas horas e media entre a líder da oposición e o presidente da Xunta, Pontón cualificou a reunión de "cordial, construtiva e positiva" e contou que ambos os dirixentes dialogaron co "ánimo de poder achegar en positivo ao futuro do noso país", sabendo, en todo caso, "que cada un ten unha responsabilidade".

A líder do Bloque revelou que ambos mostraron preocupación polo futuro do sector industrial en Galicia e comprometéronse a buscar un acordo para "dar alternativas ás empresas electrointensivas e ás do sector naval".

Pontón foi un paso máis aló e volveu a defender ante o presidente galego unha tarifa eléctrica propia que, ao seu parecer, permitiría abaratar o custo da electricidade.

Pontón tamén atopou receptividade por parte do presidente galego noutros aspectos, tales como a decisión de camiñar cara a un reforzo do autogoberno coa demanda de novas competencias ao Estado a través da activación da comisión mixta de transferencias.

Á parte, a dirixente do Bloque indicou á prensa que Núñez Feijóo mostrouse partidario de apoiar un acordo en materia de violencia machista para mellorar a protección das vítimas.

A portavoz nacional do BNG volveu a urxir unha mellora da sanidade e dos servizos públicos para atallar os problemas das listas de espera ou a saturación da atención primaria, para o que os nacionalistas entenden que se requiren máis recursos.

No ámbito de política social, Pontón pediu ao xefe do Executivo autonómico que sexa a Xunta a que asuma a xestión directa das residencias de maiores que se crearán nas sete grandes cidades xa que, desta forma, demostraríase "que se tomou nota dos erros" nestes servizos e que non se continuará cun modelo que permitiu "facer negocio" da vellez.

Noutra orde de cousas, reclamou Pontón a axilización de moitas infraestruturas pendentes que acumulan importantes atrasos, tanto por parte da Xunta como do Goberno. Nesta liña, Pontón tamén pediu a Núñez Feijóo un compromiso para que "non se retroceda" no acordo obtido sobre a rebaixa das peaxes da AP-9 e, deste xeito, se cumpra o que BNG e PSOE asinaron no acordo de investidura para que os descontos sexan para "todos os usuarios da vía e non só para os recorrentes".

Finalmente, a portavoz do Bloque volveu solicitar ao presidente galego e ao PP que rectifiquen sobre os fondos europeos para esixir que a xestión dos mesmos leve a cabo desde Galicia porque, advertiu, "cando a xestión se centraliza, Galicia perde".

Caballero cre que "é o momento da cogobernanza"

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou o "intercambio fluido e propositivo con vontade de colaboración" co que se desenvolveu a reunión "A cidadania quere que nos entendamos" asegurou Caballero, quen dixo que "é o momento da cogobernanza".

"Atopei un presidente receptivo, pese as diferenzas que existen entre os nosos proxectos", asegurou. "Trouxemos as ideas para dar solucións aos problemas do día a día", explicou Gonzalo Caballero, quen detallou que se traducen en doce eixos de medidas "para non deixar ninguén atrás"

Desde as filas socialistas se propón o reforzo da sanidade pública e do programa de vacinación para que sexa "eficiente e áxil".

No plano da economía, propuxo un plan de axudas directas para pemes e autonómos. "É importante rescatar os sectores máis afectados", dixo Caballero quen no ámbito da política industrial pediulle a Feijóo que exerza as súas competenicas e comprometeuse a respaldar "os proxectos para o futuro de Galica" e tendeu a man para lograr un acordo na selección dos proxectos que optan aos fondos Next Generation, e que se cre unha comisión de control para supervisar a boa execución dos proxectos.

Caballero pediu que se avance nun novo modelo de residencias e políticas sociais. E concluíu pedindo unha estratexia 2030 co diálogo social e municipal, que o presidente da Xunta, segundo dixo, aceptou.

Finalmente, tamén insistiu na necesidade de reforzar o autogoberno, xa que existen 30 ámbitos de decisión pública que actualmente están en mans do Estado e que poderían pasar a ser competencia da Xunta de Galicia.