CRTVG

Buscar

O presidente da Generalitat volve eludir o saúdo oficial ao rei

Publicado o 28/06/2021 15:37

O presidente da Generalitat volveu darlle plantón ao rei e non acudiu a recibilo cando chegou ao Congreso. Si posou Pere Aragonès co monarca e o presidente do Goberno no interior do recinto. Mañá volverá atoparse con Pedro Sánchez, pero en Madrid, na Moncloa. Nesa reunión falarán da mesa de diálogo, de cando se vai convocar e quen a comporá. Pero o presidente xa descarta que nela estea Oriol Junquera porque, asegura, "é unha mesa entre gobernos, entre representantes dos dous executivos e quero recordar que o señor Junqueras ten aínda uns anos de inhabilitación para a representación institucional".

Junqueras e outros corenta excargos da Generalitat está citados este martes polo Tribunal de Contas, que investiga o presunto desvío de fondos públicos para a causa independentista. Sánchez asegura que non vai interferir no seu ditame nin dar instrucións á avogacía do Estado. Opinión contraria ten Podemos. Nunha entrevista, a ministra Montero amosouse partidaria de "eliminar todo o que non sexa eminentemente político, o diálogo e o acordo". Para a titular de Igualdade, "todo o demais van ser dificultades, pedras nun camiño que si ou si imos percorrer".

Dende o PP acusan o Goberno de tentar obstruir o labor do Tribunal de Contas e pregúntase Pablo Casado se "ademais de ver como indultan os presos que deron un golpe á legalidade tamén temos que pagar a súa corrupción e a súa malversación de fondos públicos?".

Noticias web

28/06/2021