O presidente da Arxentina promete "corrixir erros" tras o escándalo da vacinación VIP

O presidente de Arxentina, Alberto Fernández, referiuse este luns, durante o seu discurso na apertura de sesións extraordinarias do Congreso, á "obriga de corrixir erros" na campaña de vacinación, despois do escándalo pola subministración irregular de vacinas a persoas afíns ao poder.
"Ningún Goberno da Terra se pode outorgar o privilexio de non cometer erros, pero todo Goberno sensible ten a obriga de corrixir eses erros para desterrar calquera indicio de privilexios e falta de solidariedade", afirmou.
Tamén se referiu ás medidas que tomou con "moita dor", como pedir a renuncia do ministro de Saúde, Ginés García González, e decidir a asunción de Carla Vizzotti no seu lugar.
"Cando se dixo que aquelas regras foran transgredidas encargueime de solicitar a información pertinente, aínda cando no persoal me causaba moita dor, tomei as decisións que correspondían", agregou.
O mandatario asegurou que as regras se deben cumprir" nun plan de vacinación que avanza "semana a semana" e que o país está a levar adiante coas vacinas rusa Sputnik V, a chinesa Sinopharma e a producida polo Instituto Serum da India, aínda que no caso da rusa a subministración está a ser menor ao acordado.
O 19 de febreiro deuse a coñecer o escándalo coñecido no país como "vacinación VIP", polo que varias personalidades afíns ao Goberno recibiron a vacina saltando a orde establecida. O propio Goberno deu a coñecer unha lista con 70 persoas que formaron parte desta vacinación irregular, entre as que se atopan o expresidente Eduardo Duhalde (2002-2003) e a súa familia e dirixentes peronistas como Carlos Zannini e Daniel Scioli.
A Arxentina, o terceiro país da América Latina con maior número de casos de covid-19 despois do Brasil e Colombia, rexistra xa máis de 2,1 millóns contaxiados e 51.000 mortes polo coronavirus.