CRTVG

Buscar

O PPdeG rexeita unha comisión de investigación sobre a caixa B do seu partido

Publicado o 13/04/2021 11:42
O PPdeG rexeita unha comisión de investigación sobre a caixa B do seu partido

O Parlamento de Galicia rexeitou este martes a iniciativa presentada polo BNG para crear unha comisión de investigación sobre a caixa B do PP e a súa relación coa formación en Galicia, baixo o mandato de Alberto Núñez Feijóo. Foi grazas aos votos en contra do grupo maioritario do PPdeG fronte o apoio conxunto da oposición.

O deputado popular Alberto Pazos argumentou que as contas do PPdeG xa se someteron ao "exame microscópico da xustiza" porque todas as probas foron estudadas por "xuíces, innumerables fiscais e acusacións populares". Porén, salientou, o resultado foi "cero requirimentos á xustiza, cero imputacións e nin sequera unha citación en calidade de testemuña do PP galego".

Ao seu xuízo, a esquerda representada na Cámara por nacionalistas e socialistas, non está interesada en "coñecer a verdade, senón en utilizar o Parlamento como coto de caza" e, de paso, "desviar a atención dos seus propios casos de corrupción".

Pola contra, os dous grupos da oposición defenderon a necesidade de investigar a caixa B do Partido Popular tras a revelación de Luís Bárcenas, durante o xuízo que se está a desenvolver na Audiencia Nacional, do suposto pago opaco de 50.000 euros do PP de Pontevedra no 2010. Tanto nacionalistas como socialistas lembran que daquela Alberto Núñez Feijóo xa era presidente da Xunta e líder da formación galega.

"Feitos acreditados por sentenza"

Durante a presentación da iniciativa, o deputado do BNG Luís Bará asegurou que cada vez hai máis evidencias de que o PP é unha formación corrupta e incluso “feitos acreditados por sentenza xudicial”. Neste sentido, lembrou que no xuízo da Gürtel o partido foi condenado a pagar unha multa de 245.000 euros como participante a título lucrativo da trama.

Do mesmo xeito, dixo que o propio Pablo Casado recoñeceu o pasado escuro do PP ao “renegar dos anteriores dirixentes” e cambiar de sede porque “estaba manchada polos cartos en B”. Neste sentido, considerou que o mellor xeito de “limpar a casa” no eido "político, público ou moral" é cunha comisión de investigación parlamentaria porque a vía xudicial só se ocupa das “responsabilidades penais”

A corrupción “estrutural” neste partido indica que “todos os camiños conducen ao PP de Galicia, ao PP de Fraga e ao PP de Feijóo”, sinalou Bará e afirmou que ese partido acudiu “dopado” ás eleccións de 2005 e ás de 2009, ano no que conseguiu recuperar o goberno da Xunta que aínda mantén.

"Asunto democrático"

Na mesma liña, o vicevoceiro parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, reiterou que a petición dunha comisión de investigación “non é un capricho nin unha cuestión partidista, senón un asunto democrático e do máximo interese” para a cidadanía xa que o equipo de Núñez Feijóo vai “contribuír a xestionar a maior riada de fondos europeos” que recibiu nunca Galicia.

Polo tanto, engadiu, trátase de “disipar as moito máis que fundadas sospeitas” que pesan sobre este Goberno que “debería ofrecer transparencia e garantías de que nin un euro deses fondos vai rematar nunha conta en Suíza ou en Panamá".

Respecto ás condenas a cargos socialistas, recriminadas polo PP, Arangüena subliñou que o PSdeG rexeita “cada caso” de corrupción que se produce nas súas filas. Porén, dixo que na formación popular en lugar de tratárense dunha excepción “hai motivos dabondo para pensar que forma parte do seu ADN”, por iso só aos seus militantes lles "descobren millóns en Suíza".

"Superioridade moral"

Fronte a estas acusacións, o deputado popular Alberto Pazos reprochoulles a pretendida “superioridade moral” ao pedir investigar o PP sen dar explicacións sobre “escándalos de corrupción” que lles tocan de preto. Neste sentido, citou a condena do expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Franciso Fernández Liñares, os "enchufes" no concello de Vigo ou os contratos no municipio de Barro.

No obstante, Pazos asegurou que o PP está dispoto a “pedir desculpas polos erros cometidos cando sexan necesarias”. Porén, os seu integrantes non asumirán “execucións na praza pública baseadas na mentira e na dobre moral” cando o que buscan os deputados do BNG e do PSdeG é “chegar ás conclusións que teñen vostedes escritas dende hai oito ano”.