Feijóo logra o seu mellor resultado ao chegar aos 42 escanos co voto exterior
• O PPdeG obtén o deputado número 11 por Pontevedra co voto dos residentes ausentes
• Corenta e dous deputados é a maioría máis ampla de Feijóo
• Falta coñecer o escrutinio xeral das eleccións do 12X
O PP obtivo o deputado número once por Pontevedra co reconto do voto do Censo Español de Residentes Ausentes (CERA) nesta provincia, a falta de coñecer o escrutinio xeral das eleccións do 12X, segundo o PPdeG.
O PP de Galicia xa felicitou, a través dun chío da súa conta oficial, o presidente provincial, Alfonso Rueda, por este deputado número once que supón o 42 para os populares galegos e mellora os resultados da anterior lexislatura por un escano.
Una vez contabilizado el voto de los gallegos residentes en el exterior @FeijooGalicia lograría su mejor porcentaje de voto y el @ppdegalicia, el mayor número de diputados cosechados en el siglo XXI. Felicidades @ARueda68 por el diputado 11, felicidades PPdeG por el diputado 42.
— PP de Galicia (@ppdegalicia) July 20, 2020
De feito, supoñería o mellor resultado das catro maiorías absolutas de Núñez Feijóo en escanos, tras os 38 deputados logrados en 2009 e os 41 alcanzados en 2012 e 2016.
"Unha vez contabilizado o voto dos galegos residentes no exterior @FeijooGalicia lograría a súa mellor porcentaxe de voto e o @ppdegalicia, o maior número de deputados colleitados no século XXI", asegura o PPdeG na súa mensaxe en Twitter.
Fontes do partido, especificaron que este resultado é "condicional" e aínda está supeditado aos resultados do escrutinio xeral, que inclúe o reconto definitivo das actas da noite electoral, pero confían en manter este escano outorgado polo voto emigrante en Pontevedra, que o PPdeG non lograra conseguir por 45 papeletas.
En todo caso, estas fontes aseguraron que pelexarán "voto a voto" no escrutinio final que esperan que se coñeza ao longo da xornada deste luns.
Co deputado número 11 por Pontevedra para o PPdeG, o resultado das eleccións autómicas do 12 de xullo é de 42 deputados para o PPdeG, 19 para o BNG e 14 para o PSdeG.