CRTVG

Buscar

O PPdeG aproba en solitario a Lei de recuperación de terras

Publicado o 11/05/2021 13:37

A Cámara galega aprobou este martes a Lei de recuperación de terra agraria cos votos favorables do PPdeG, a abstención do PSdeG e o voto contrario do BNG.

Durante o debate no pleno do Parlamento, os grupos da oposición amosáronse especialmente críticos coa moratoria de novas plantacións de eucaliptos ata finais de 2025 (incluida na norma) e co feito de que non se tramitara como un proxecto de lei dende a Xunta.

Fronte ás desavinzas, o conselleiro de Medio Rural, José González, pechou o debate aplaudindo o consenso que, ao seu xuízo, marcou a tramitación da lei que "saíu moi mellorada" tras o debate en comisión.

Lembrou que incorporaron ao texto máis de 250 emendas, entre as que salienta a ampliación a dez anos do prazo para que reclamar terreos abandonados antes de que pasen a ser propiedade da Xunta, a pedimento do PSdeG. "Ninguén se quere quedar coa terra de ninguén", garantiu o conselleiro.

"Razoable desconfianza" do BNG

O parlamentario do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', explicou que o voto contrario do seu grupo (que se abstivo no ditame da comisión) se basea na "razoable desconfianza" que senten cara ao Goberno galego nesta materia porque, ao seu parecer, "as cifras cantan e os feitos consumados" demostraron que lexislan para favorecer empresas como Ence ou Finsa.

Neste sentido, Rivas alertou sobre a ambigüidade que recolle a norma sobre os diferentes usos da terra agraria, o que pode supoñer problemas de entendemento para as persoas propietarias.

Tamén cuestionou a "présa" coa que o PP quere sacar adiante esta norma, cando a terra en Galicia leva "dúas xeracións de abandono" sen que á Xunta de Galicia lle importase, axuizou.

O deputado do grupo socialista Martín Seco, aínda que agradeceu a "facilidade para chegar a acordos" que marcou o trámite parlamentario desta norma, criticou que non se presentara coma un proxecto do Goberno da Xunta e optaran por impulsar a norma dende o PPdeG coa consecuente "diminución das garantías democráticas" e da "participación social".

O parlamentario do PSdeG explicou que o seu grupo optou pola abstención porque, malia consideraren que é "moi necesaria", cren que "chega con atraso". Ademais, non contempla nin un orzamento nin un cronograma que permitan "facer crible" a preocupación da Xunta polas terras agrarias.

De feito, Seco remarcou que o "grave problema" que existe en Galicia respecto ao abandono de terra agraria viuse empeorado durante o Goberno de Núñez Feijóo malia "os anuncios e a publicidade" xa que moitos concellos "levan anos" esperando polas concentracións parcelarias.

"O rural empeza unha nova etapa"

Fronte ás críticas da oposición, a portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, asegurou que con esta norma se dota a Galicia "dun marco xeral para a xestión da terra de uso agrario, gandeiro e forestal, para loitar contra os incendios forestais e para traballar pola fixación da poboación no rural galego".

"O rural galego empeza unha nova etapa" coa creación dos polígonos agroforestais, o reforzo do banco de terras ou a actualización do catastro, resolveu.

Noticias web

11/05/2021