CRTVG

Buscar

O PPdeG aposta por que a Xunta prepare un posible recurso ante o Constitucional contra a lei antifraude

Publicado o 01/06/2021 19:43

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu este martes que a Xunta traballe nun posible recurso ante o Tribunal Constitucional contra a coñecida como lei antifraude, que está nos seus últimos compases de tramitación, e en concreto no que ten que ver cos pactos de herdanzas en vida. Xa a semana pasada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arremeteu contra esta futura lexislación, unha "lei ilegal", pronunciou, posto que ataca -dixo- a autonomía fiscal galega e as competencias previstas no seu Estatuto, así como o propio dereito civil galego.

Para coñecer en profundidade o parecer do Executivo, o PPdeG leva ao próximo pleno da Cámara galega unha pregunta. Ademais, Pedro Puy avanzou que tamén o seu grupo rexistrou unha iniciativa en que, precisamente, os populares queren que o Parlamento autonómico dea apoio á Xunta para presentar o recurso de inconstitucionalidade se se confirma a aprobación da lei sen retoques. Na súa explicación, o dirixente popular, doutor en Dereito, manifestou que a lei ataca os principios de autonomía financeira e principios básicos de dereitos dos contribuíntes, posto que "inclúe a presunción de fraude".

En síntese, a lei determina que se se fai un pacto de herdanza en vida, eses bens non se poden vender mentres viva a persona que os legou ou, pola contra, tería que tributar por eles. Puy Fraga, que lembrou que Galicia "ten dereito civil propio", sinalou que "non é de recibo" unha lei que "deturpa" unha das institucións máis clásicas do dereito galego como son os pactos sucesorios e "non respecta" os fundamentos "elementais" entre a administración tributaria e o contribuínte.

"Se isto segue adiante, non teño dúbidas de que non quedará outra que recorrelo", apuntou.

Noticias web

01/06/2021