O PP volve á xunta de goberno local de Ourense "de forma temporal"

O PP de Ourense acordou incorporarse de “forma temporal” e por “responsabilidade” á Xunta de Goberno do Concello de Ourense para evitar, segundo trasladou nun comunicado, a paralización do concello e poder sacar temas adiante.
A decisión chega despois da solicitude que lles fixo por escrito o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, aos grupos municipais, despois da baixa por coronavirus de un dos tres edís do grupo de goberno. Telmo Ucha permanece ingresado e a xunta de goberno esixe un mínimo de tres concelleiros para poder celebrarse.
Coa baixa de Ucha, unicamente quedan no executivo municipal os dous edís de Democracia Ourensá (o propio alcalde e Armando Ojea).
No seu escrito, Pérez Jácome pedíalles aos grupos integrarse neste órgano para "non atrasar expedientes e procedementos municipais”, e o PP aceptou.
Esta volta a unha xunta de goberno local prodúcese cinco meses despois da crise que derivou na saída dos populares do grupo de goberno tras a suspensión “temporal” do pacto que o partido tiña con Democracia Ourensá.
No comunicado, o PP explica que “a pesar das diferenzas existentes nos últimos tempos” co goberno de Pérez Jácome, o partido adopta esta decisión "excepcional e extraordinaria por responsabilidade política, para garantir a xestión ordinaria do concello”.
Na actualidade, o alcalde e fundador de Democracia Ourensá Gonzalo Pérez Jácome unicamente conta co apoio doutro concelleiro, polo que a baixa de Ucha imposibilitaría a celebración da xunta de goberno local.
Con esta decisión, os populares buscan “evitar que se cronifique aínda máis a parálise do concello” e “garantir un mínimo funcionamento da administración municipal”.
Respecto do rexeitamento do resto de grupos, o PP lamentou “a falta de altura de miras” das outras formacións que conforman a oposición por “diferenzas políticas ou persoais” a pesar da extraordinaria situación de “gravidade”.
O propio rexedor Pérez Jácome criticou nas súas redes sociais a decisión do resto de grupos, BNG, Cidadáns e PSOE, de non participaren nas xuntas e acusounos de tentaren “quitar tallada dunha continxencia sanitaria”.
Mentres sinala que o PP demostra estar “á altura das circunstancias”, considera que o resto de grupos demostraron “ser ruíns” e pensar máis “no seu interese partidista” que nos da cidade.
“Con todo, o PP pensou esta vez en clave de cidade e participará na xunta de goberno mentres non recupere Telmo o seu estado de saúde", recolle Jácome, quen destaca ademais que quedaría "a porta aberta” á participación do PP máis adiante en asuntos relacionados co goberno municipal.