CRTVG

Buscar

O PP recolle sinaturas de apoio á Policía

Publicado o 21/02/2021 20:29

O Partido Popular puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para apoiar as forzas e corpos de seguridade tras as protestas que se veñen rexistrando en Barcelona polo encarceramento de Pablo Hasél.

Un dos primeiros en asinar foi o alcalde de Madrid e voceiro do partido. José Luis Martínez-Almeida asegura que a policía conseguiu evitar que os incidentes violentos de Barcelona se repetisen en Madrid e acusou unha parte do Goberno central de xustificar os disturbios.

José Luis Martínez-Almeida, voceiro do PP: "Nestes momentos o único incomprensible é que un partido como Podemos poida seguir formando parte do Goberno da nación". "Pero o problema non é Podemos, nin Pablo Iglesias, nin Pablo Echenique ou Juan Carlos Monedero, o problema é Pedro Sanchez, que é quen os mantén no Goberno".

Desde Barcelona, o líder do PSC e exministro de Sanidade condenou a violencia e o vandalismo, defendeu as forzas de seguridade e criticou o silencio do Goberno catalán.

Salvador Illa, candidato do PSC: "Esperei cinco días e, ante o silencio dos que debían falar, quero dicir con toda claridade que quen non defenda os Mossos d'Esquadra e a Policía de Cataluña, é dicir, quen non defenda a convivencia, a orde pública e a seguridade está inhabilitado para gobernar Cataluña".

O PSC pedirá explicacións no Parlamento se os os conselleiros afectados por esta crise non comparecen por iniciativa propia.

Noticias web

21/02/2021